Comeza un 2024 cheo de inquedanzas e interrogantes

Comeza un 2024 cheo de inquedanzas e interrogantes

De xeito silencioso, lento, inexorable, ... estase indo unha xeración de persoas, de veciñas e veciños, que durante moitos anos mantiveron en pé esta parroquia e esta asociación de veciños. Xente que cría profundamente que a unión da veciñanza era a forza, que o rural tiña vida e posibilidades, que respectaba e mantiña vivas as tradicións e que sempre amosaban un gran espírito de colaboración, ben fose de forma económica ou botando unha man para calquera traballo que se presentase no día a día da comunidade. Iso colocou a esta parroquia e a esta asociación na vangarda do asociacionismo municipal e provincial.

Ó longo destas tres últimas décadas a parroquia experimentou un importante avance en moitos aspectos materiais, tales como: o campo da festa, a nova cancha de baloncesto, o campo de fútbol, o novo local sociocultural, o palco ben arranxado con servizos e biblioteca, o local social en Cobas do Río, a restauración dos altares da igrexa parroquial, a renovación da instalación eléctrica da igrexa parroquial, o saneamento e traída de auga en todos os núcleos, o novo alumeado público LED, a conexión a internet mediante fibra óptica, os fornos restaurados, as fontes arranxadas, melloras nas eiras, apeadoiros de autobús, espellos, sinais, bancos, recollida do lixo... e seguramente poderíamos estar aquí enumerando un bo anaco fitos conseguidos en todo este tempo.

Pero a parte deses logros materiais que sempre son máis palpables e visibles, conseguise algo incluso bastante máis importante, que é manter acesa a chama da unión parroquial a través de diferentes manifestacións populares e culturais como: a festa das Neves, o xantar do San Ceriz, o magosto, o xantar do San Andrés, a festa do pan, os xogos infantís, as olimpíadas rurais da Broa, os cursos de traballos manuais, as clases de ximnasia, os cursos de pandeireta e canto tradicional, os concertos de Nadal, os seráns, as inauguracións, os campionatos de tute, os torneos de chave, os partidos de baloncesto, os encontros de fútbol, as exposicións, a igrexa sempre limpa e adornada...

Por desgraza, este ano por primeira vez nos 30 anos de historia desta asociación o número de veciños asociados baixará dos 60, cando hai escasamente 10 anos eramos máis de 70 e no inicio deste milenio (aló polos 2000) máis de 80. A crise do coronavirus parecía que ía ter unha cara amable e dar un pequeno respiro ás nosas maltreitas e despoboadas aldeas, pois o mercado inmobiliario moveuse bastante e semellaba que se comezaba a valorar un pouco máis o rural, pero o tempo está demostrando que todo iso soamente foi un vago espellismo.

Por diante temos un ano 2024, ou máis ben uns anos, que se presentan verdadeiramente complicados e cheos de multitude de interrogantes con dubidosa resposta. É ben certo que todos eses logros materiais que se foron conseguindo sempre van estar aí e soamente temos que por un pouquiño da nosa parte para intentar conservalos, pero tamén é ben certo que todos eses logros inmateriais, populares e culturais que se foron acadando e consolidando ó longo de todos estes anos corren o serio perigo de desaparecer pois son bastante máis complicados de preservar, para iso é necesario por os intereses colectivos por diante dos particulares e tamén é necesaria a implicación de todos: de toda veciñanza, das novas xeracións, das non tan novas, dos novos veciños, dos veciños de sempre,... para evitar que esa chama viva do pobo acabe apagándose para sempre e a unión morra lentamente.

O único que pretendemos con estes parágrafos é invitarvos a pensar un pouco, para que respondades á seguinte pregunta, Como vedes a parroquia dentro duns anos?.  A nos particularmente gustaríanos que houbese unha continuidade en todo o feito ata agora, pois alo menos, pola parte que nos toca consideramos que non se fixeron as cousas tan mal (Incluso chegamos a ser un exemplo a seguir para outros lugares). Pero para que iso ocorra é necesario que tomemos conciencia como colectividade, que se vaia producindo un relevo xeracional sosegado e que medre a implicación de todos e todas en todos os aspectos relacionados coa vida parroquial, principalmente no relativo á participación activa na organización de “eventos” e tamén, aínda que nun plano un pouco máis secundario, no económico, pois por moito que se intenten sacar adiante iniciativas e actividades, se non hai un orzamento que o apoie pouco ou nada hai que facer, máxime se cada vez somos menos a colaborar.

Feliz e ventureiro 2024!

 

17 de Xaneiro do 2024




Destacamos