Forno de Oxén

posted in: Arquitectura Civil, Fornos, Patrimonio | 0

O forno de Oxén de Arriba é un edificio sinxelo e de planta rectangular, muros de cachotería de granito cunha fiestra de grandes dimensións e cuberta de tella do país a dúas augas. No seu interior posúe unha construción cúbica que a súa vez alberga outra estrutura circular abovedada de ladrillo refractario, destinada á coción do pan.

Este tipo de edificación ten unha presencia xeralizada na economía agraria tradicional. No caso de Oxén de Arriba, ó igual que en toda A Broa, a propiedade é comunal, polo que a súa situación ó carón da fonte do pobo débese a esta circunstancia, respondendo a criterios de conveniencia colectiva. É por isto polo que a súa construción e mantemento era e é unha responsabilidade colectiva, compartida solidariamente polos veciños do lugar.

Así, a porta dá acceso a un espazo que contén diversas plataformas horizontais a ambos lados dos muros interiores denominadas tendais e utilizados para darlle forma á masa do pan. Ó entrar, de fronte localízase o forno en sí que se compón dunha cámara de planta circular –a capela– asentada sobre o lar, unha base de pedra constituída por lousas ben traballadas onde se acende o lume e se fai a cocedura do pan unha vez realizado o enfornado. O oco de acceso ó forno ou boca, ten unha peza saínte de pedra na súa parte superior chamada chapilé, que ten por obxecto impedir a subida das faíscas ó teito de madeira. O lar deste forno prolóngase lixeiramente cara adiante formando unha pequena plataforma que funciona a xeito de mesa, a lareira,  e que ten por obxecto canalizar a cinsa cara un depósito inferior coñecido como fornalleira ou borralleira.

Por enfornado enténdese a operación consistente en poñer branca a pedra ao acadar a temperatura necesaria producida pola combustión de leña, toxo ou xestas.

Galería fotográfica

Localización

Forno de Corvillón