Capela do San Pedro en Vilariño

Entre o século XV e XVI, os veciños de Pazos e Vilariño levantan unha pequena ermida, onde poder rezar e enterrar aos seus defuntos. O lugar elixido foi a medio camiño entre os dous pobos; un lugar deshabitado pero abofé que tería un nome, un lugar que dende a construción da ermida pasou a chamarse na honra ao Santo: San Pedro. Converténdose deste xeito, San Pedro Advíncula, no primeiro Patrón da Parroquia de Olás.

A verba latina “ad víncula” significa “en cadeas, encadeado”. Por iso é que a figura do noso santo aparece cunhas cadeas rotas colgando da moneca esquerda, en lembranza das prisións que sufriu o apóstol en Xerusalén, durante o reinado do rei Herodes e tamén na cárcere de Mamertina de Roma, baixo o reinado de Nerón, antes do seu martirio, no ano 67 d.C. Aínda que tamén amosa a usual chave do santo na súa man dereita.

A finais do século XVIII, pola influencia dos “señores” do Pazo de Vilariño, a ermida foi levada A Barreira (Vilariño) e as sepulturas trasladadas ao sagrario da igrexa de Santa María en Olás.

Tradicións, contos e lendas

Unha Irmandade formada por veciños de ámbolos dous pobos, xestionaban, durante os séculos XVIII e XIX, as honras e o folión ó Santo. Trala celebración da misa na capela, os veciños levaban o folión ata a cima do Monte do Castro, o compás que impuñan a gaita, o bombo e mailo tamboril. Xa na cima do monte, prendíase lume os fachóns espetados nos buracos dos grandes penedos, arredor da chaira que ten á cima, indicando así o comezo do folión a todos os pobos da contorna. Os foguetes, o baile, a comida, a bebida e a troula prolongábanse ata media noite.

Galería fotográfica

Localización

Capela do San Pedro en Vilariño