Forno de Zarracós

posted in: Arquitectura Civil, Fornos, Patrimonio | 0

Sinxelo edificio de planta máis ben rectangular, muros de cachotería de granito, tellado a unha auga con tella do país e sen ningún tipo de fiestra. No seu interior ten unha construción cadrada de considerable tamaño que a súa vez contén outra estrutura circular abovedada, de ladrillo refractario, destinada á coción do pan.

O forno vén desenvolvendo o derradeiro proceso que ten como protagonista ó gran, que despois de ser almacenado temporalmente no canastro e moído no muíño, pasa a transformarse en pan, un dos principais piares da alimentación da Galicia
tradicional.

Este tipo de edificación ten unha presencia xeralizada na economía agraria tradicional. No caso de Zarracós, ó igual que en toda A Broa, a propiedade é comunal, polo que a súa situación débese a esta circunstancia, respondendo a un criterio de conveniencia colectiva. Este tipo de edificación comunal era propia de lugares con materia prima limitada e escasos recursos económicos, localizándose nunha construcción independente das vivendas de uso residencial. É por isto polo que a súa construcción e mantemento era e é unha responsabilidade colectiva, compartida solidariamente polos veciños da aldea.

Así, a porta dá acceso a un espazo que contén plataformas horizontais a ambos lados dos muros interiores denominadas tendais, utilizados para darlle forma á masa do pan. No lado dereito do edificio ubícase o forno propiamente dito que se compón dunha cámara de planta circular –a capela– asentada sobre o lar, unha base de pedra constituída por lousas ben traballadas onde se acende o lume e se fai a cocedura do pan unha vez realizado o enfornado. O oco de acceso ó forno ou boca, ten unha peza saínte de pedra chamada chapilé, que ten por obxecto impedir a subida das faíscas ó teito de madeira e que neste caso particular tamén da inicio a unha gran chimenea que evacúa o fume ó exterior. O lar prolóngase cara adiante ata formar unha plataforma que funciona a xeito de mesa, a lareira,  e que ten por obxecto canalizar a cinsa cara un depósito inferior coñecido como fornalleira ou borralleira.

Tradicións, contos e lendas

Para o uso do forno existían “tandas” ou quendas, así o que quentaba de primeiro nunha quenda na seguinte requentaba, é dicir, era o segundo. Isto facíase por que o forno de Zarracós era moi grande e consumía moita leña para poder caldealo, por iso o primeiro que cocía empregaba moita máis leña que os seguintes para quentar o forno.

Estas quendas tiñan unha duración duns 15 días, xa que vivía moita xente no pobo e en quendas de menor tempo, por exemplo dunha semana, non lle daba tempo a cocer a todos os veciños que o necesitaban. Tal era a necesidade, que incluso a brasa e cinsas de cocer se levaban para a casa, en algunhas ocasións para quentar o braseiro e noutras simplemente para estercar as terrras.

Naqueles tempos o forno mantiña unha actividade constante, tanto é así, que apenas se deixaba arrefriar e cocíase todos os días nel, sendo un punto de encontro importante para tódolos veciños que as noites se reunían para estar ao carón do lume nos fríos invernos ou simplemente para falar e votar unhas canterías.

Galería fotográfica

Localización

Forno de Zarracós