Conxunto de hórreos da Igrexa en Zarracós

O conxunto de hórreos da Igrexa, no pobo de Zarracós, está formado por dúas pezas de similar factura que presentan un óptimo estado de conservación. Así, aínda que en toda A Broa predominan os canastros de tipoloxía única (madeira) neste caso particular atopámonos con dous exemplares de tipoloxía mixta (madeira -pedra).

Como é habitual están expostos aos ventos dominantes co obxectivo de facilitar o secado e conservación do millo, situándose ademais nun lugar elevado do pobo a carón da igrexa parroquial.

Estes érguense sobre unhas laxas ou penedos, algo bastante común no pobo de Zarracós. Sobre este firme sitúanse os pés, uns elementos compostos por unha breve columna de sección cuadrangular rematada nun tornarratos, unha peza de pedra rectangular soportada por cada par de pés ou cepa que ten por obxecto imposibilitar o acceso dos roedores á cámara.

O número de pés varía en función da lonxitude da paneira e neste caso atopámonos cun de oito pés e tres vanos e outro de seis pes e dous vanos ou claros. En ámbolos dous casos destacan os penais (parte frontal e posterior) en perpiaño de granito, un deles ornamentado cunha cruz.

Galería fotográfica

Localización