O conxunto de hórreos do Campo, en Zarracós, na actualidade está formado por un total de catro pezas de tipoloxía única (madeira) que na maior parte dos casos presentan un estado de conservación bastante malo. Orixinalmente, no lugar tamén existía outro hórreo de tipoloxía mixta (madeira-pedra) pero foi vendido e trasladado de lugar.
Estes érguense maiormente sobre unhas laxas ou penedos, algo bastante habitual no pobo de Zarracós, e sobre esta superficie sitúanse os pés, uns elementos compostos por unha breve columna de sección cuadrangular rematada nun tornarratos, unha peza de pedra rectangular soportada por cada par de pés ou cepa que ten por obxecto imposibilitar o acceso dos roedores á cámara.
O número de pés varía en función da lonxitude da paneira, sendo a media ducia o exemplo máis habitual, aínda que neste caso particular tamén existen dous exemplares con oito pés.