Este cruceiro é dos chamados “de Cruz” (é dicir, sen imaxe de Cristo na Cruz). A cruz é de sección cuadrangular, coas arestas rebaixadas (chafrán). O capitel é octogonal. O fuste (ou esteo) é de sección octogonal. A basa (ou pedestal) é de forma cúbica coas arestas rebaixadas (chafrán). A plataforma é de tres chanzos, de forma cuadrangular.
Ó seu carón atópase unha mesa denominada “pousadoiro”, un elemento frecuente en moitos crucreiros de Galicia, e que na maior parte das ocasións servía para pousar os cadaleitos de camiño á igrexa parroquial ou para rezar responsos e oracións. Sen embargo, neste caso particular empregábase para subir ás nenas e nenos que recitaban os exemplos (versos) ó paso da procesión do San Ceriz ou da Virxe das Neves, sendo así un elemento festivo e non mortuorio.