Forno de Cobas do Río

posted in: Fornos, Patrimonio | 0

O forno de Cobas do Río é unha construción bastante peculiar e única na zona da Broa, dado que a través dela pode accederse a unha serie de vivendas contiguas, e por iso, soamente dispón dun muro de cachotería de granito na súa parte sur, quedando o resto das caras da edificación completamente ó descuberto. Sobre o único muro existente susténtase o forno propiamente dito. Presenta unha cuberta a unha auga con tella do país.

Este tipo de edificación ten unha presencia xeralizada na economía agraria tradicional. No caso de Cobas do Río, ó igual que en toda A Broa, a propiedade é comunal, polo que a súa situación débese a esta circunstancia, respondendo a un criterio de conveniencia colectiva. É por isto polo que a súa construcción e mantemento era e é unha responsabilidade colectiva, compartida solidariamente polos veciños da aldea.

Debaixo da cuberta de tella existe unha plataforma horizontal denominada tendal e que se utilizaba para darlle forma á masa do pan. No lado esquerdo da construción localízase o forno propiamente dito que se compón dunha cámara de planta circular –a capela– asentada sobre o lar, unha base de pedra constituída por lousas ben traballadas onde se acende o lume e se fai a cocedura do pan unha vez realizado o enfornado. O oco de acceso ó forno ou boca, ten unha peza saínte de pedra chamada chapilé, que ten por obxecto impedir a subida das faíscas ó teito de madeira. O lar prolóngase cara adiante ata formar unha plataforma que funciona a xeito de mesa, a lareira,  e que ten por obxecto canalizar a cinsa cara un depósito inferior coñecido como fornalleira ou borralleira.

Por enfornado enténdese a operación consistente en poñer branca a pedra ó acadar a temperatura necesaria producida pola combustión de leña, toxo ou xestas.

Galería fotográfica

Localización

Forno de Cobas do Río