Igrexa de San Andrés de Zarracós

Igrexa barroca edificada en 1747 por Francisco da Costa, maestro de obras veciño de Allariz, tal e como figura nos contratos de obras que executou. Así, o 9 de Outubro do 1747 asinaba o contrato para a obra de reedificación da igrexa parroquial de San Andrés de Zarracós, ordeada e disposta polo Sr. Bispo de Ourense e sendo realizado o contrato por José Fondado y Cabo, abade de Corvillón. A este concurso concorreron varios maestros de obras pero foi adxucicada a da Costa por ser a mellor postura, 7.370 reais, obrigando aos veciños a conducir a pedra, dar as madeiras, achegar man de obra e todo o necesario para levar a cabo a construción.

Dunha sola nave, con cuberta de madeira, na que destacan a capela maior á que se accede a través dun arco triunfal de medio punto. O retablo maior é do século XVIII, barroco con estípites, con interesantes representaciones por parellas dos evanxelistas e que conservan súa policromía orixinal.

No seu interior conserva unha curiosa imaxe en xeso que representa a un neno coñecido no entorno como San Ceriz, que ao parecer foi fillo de Julieta, ambos martirizados na época de Diocleciano, ano 303, na cidade de Iconio (Asia Menor). O pequeno Quiricio ao ver que torturaban a súa nai, berraba de tal xeito que o xuíz estampouno contra unha tarima. Por iso, entre os seus atributos aparece a palma do martirio.

No ano 2011 os veciños da parroquia de Zarracós recibían o 13 Premio Francisco de Moure pola restauración levada a cabo sobre o retablo maior da igrexa parroquial no 2010.

Galería fotográfica

Localización

Igrexa de San Andrés de Zarracós