Saímos da Capela do Carme en Entrambosríos para dirixirnos cara o campo da festa do mesmo pobo e coller un sendeiro que nos conducirá ata o pobo de Olás, onde atravesaremos un fermoso conxunto de hórreos recentemente restaurado. Seguidamente, colleremos a denominada “Pista de Tres Carreira” e unha vez finalizada a mesma cruzaremos a estrada de Corredoira-Corvillón para coller unha serie de camiños que nos levarán ata a fonte do pobo de Zarracós, onde subiremos en dirección ó barrio da Torre para logo xirar a esquerda polo camiño que vai a Lameiroquente. Despois de atravesar este pobo faremos un pequeno tramo por asfalto ata chegar ó pobo do Casal no que colleremos un camiño que nos levará ó Reguengo polo denominado “Camiño de Chelos”, a continuación xiraremos a esquerda para ir polo “Camiño da Fraga” e chegar directamente á “Fontela da Fraga” (un lugar cheo de maxia).
Despois continuaremos polo roteiro da Broa ata chegar a un cruce que nos levará á recentemente acondicionada Airiña da Lera, dende a que poderemos divisar unhas fantásticas vistas da Canle do Ruca e do Val do Arnoia e columpiarnos no “banban”. Logo iremos ata o miradoiro, situado un pouco máis adiante, e nel poderemos admirar unha completa panorámica dende Forxas das Viñas ata Celanova. Así, e despois de recrear un intre os sentidos, desfaremos os nosos pasos para baixar por un camiño que vai dende Airiña da Lera ata a Pista da Minicentral.
A continuación colleremos a estrada da Corredoira-Corvillón, para cruzar a Ponte da Lera e chegar ó pobo de Rubillós que atravesaremos para coller o curioso roteiro da Canle do Ruca que seguiremos ata o final, non sen ir facendo paradiñas para gozar da beleza do Arnoia. Unha vez rematado, desfaremos os nosos pasos ata chegar ás comportas do canal e así baixar ata as ruínas da Casa das Turbinas, dende alí iremos pola ribeira do Arnoia e chegaremos á área recreativa do “Canto de Ola”, para logo volver atravesar o río pola Ponte da Lera e coller un camiño que nos levará novamente a Entrambosríos, onde despois de pasear as súas estreitas rúas, chegaremos ó punto inicial: A Capela do Carme.