X Andaina do Concello da Merca 2019

posted in: Actividades, Sendeirismo e Btt | 0

O inicio da ruta, tal e como ven sendo costume nos últimos anos, foi o local social de Rubillós. Dende aí partimos en dirección ó muíño do Cristino para cruzar o Río Arnoia polas poldras do mesmo nome e dirixirnos ó pobo de Entrambosríos. Xa no núcleo deste pintoresco pobo, xiramos cara a esquerda para continuar o noso ascenso polo denominado “Camiño da Fraga”, onde os soutos centenarios nos envolven a ambos lados do sendeiro, dando lugar a unha paisaxe extraordinariamente idílica e chea de paz, soamente interrompida polo leve rumor do Arnoia. Así, antes de alcanzar unha das primeiras cotas nas inmediacións do pobo de Salpurido, cruzamos a chamada “Fontela da Fraga”, un gran manancial de auga que enlama este sendeiro e que segundo contan os maiores do lugar, nunca secou.

Seguidamente, iniciamos o descenso cara o pobo de Cobas do Río ó que chegaremos a través dunha estreita canella  delimitada por lousas graníticas e que desemboca na eira máis baixa da aldea, na que podemos observar un interesante conxunto de catro hórreos, un deles bastante curioso, dado que está suspendido a uns cantos metros de altura. Varios centos de metros antes, deixaremos atrás o Coto das Moás e unha importante cantidade de castiñeiros centenarios.

Abandonamos o pobo de Cobas do Río pola súa parte máis baixa, para cruzar o “Regueiro de Fontao” xunto a un lavadeiro e dirixir os nosos pasos cara a aldea abandonada da Ponte Ermida a través do denominado “Camiño do Cándido”. A proximidade do Arnoia déixase sentir e o seu murmurio  arrólanos durante esta parte do traxecto ata que chegamos á nomeada aldea abandona, onde os nosos pasos se deteñen por un intre para admirar aquelas pedras que noutro tempo atesouraron tanta vida e que hoxe gardan silencio máis absoluto.

Continuamos camiñando por unha pista ata chegar ós restos do denominado “Muíño do Baldomino ou do Cholas” na ribeira esquerda do Arnoia, ó seu carón unha pontella e unha presa co mesmo nome, que hoxe se atopan practicamente destruídas como consecuencia da gran cantidade de troncos que arrastra o río durante as crecidas invernais.

 Tras deter a nosa mirada uns segundos cara o río, iniciamos unha das partes máis duras da camiñada, que non é outra que o ascenso ata o “Camiño de Magarelos” polo “Camiño do Pisco”, o cal, vai superando o enorme desnivel existente facendo numerosos zigzags pola ladeira da montaña. Así, despois de por a proba a nosa forma física, encaramos un tramo practicamente chairo que nos levará ó pobo de Fontao a través do “Camiño do Poulo”, non sen antes deternos un instante para admirar o maxestoso e impoñente “Carballo do Ferreiro”, unha árbore centenaria digna de admirar.

Despois de repor forzas nas inmediacións da antiga escola de Fontao, encaramos a segunda metade da andaina collendo a chamada “Verea Real”, unha ruta que antigamente era empregada polos zapateiros de Vilanova dos Infantes para ir a buscar o coiro á vila de Allariz. A través deste camiño tan senlleiro chegamos ata o pobo de Oxén de Arriba, onde atravesamos as súas estreitas rúas para iniciar o último ascenso da ruta ata a chamada “Fonte do Ollos”. Cabe destacar, que nesta parte do traxecto a paisaxe varia de xeito substancial e as carballeiras e soutos tornan en piñeiros.

Unha vez na nomeada fonte, iniciamos o descenso ata o pobo de Olás por un dos camiños máis fermosos e singulares da nosa contorna, xa que discorre delimitado por valados de ata catro metros de altura,  baixo a sombra de piñeiros na súa parte máis elevada e de carballos e castiñeiros na súa parte máis baixa.

Despois de camiñar uns minutos pola chamada “Pista de Tres Carreira” chegamos ó pobo Olás polo que despois de pasear un pouco as súas rúas, atopamos un marabilloso e perfectamente restaurado conxunto de hórreos que chama poderosamente a nosa atención. Deixamos atrás esta aldea e encaramos a recta final do traxecto collendo un camiño que, posteriormente, se converterá en canella e que nos levará ó fermoso campo da festa do pobo de Entrambosríos, que atravesaremos novamente para coller un camiño paralelo o río Arnoia e que nos deixara xusto ó carón da “Ponte da Lera”, que cruzaremos para chegar ó punto inicial desta ruta circular.

Powered by Wikiloc