Novo servizo para anunciar vivendas e terreos na páxina web de Zarracós

Unha das iniciativas que saíron da primeira reunión de asociacións e entidades de A Broa

Novo servizo para anunciar vivendas e terreos na páxina web de Zarracós

O pasado sábado, día 1 de Febreiro, no local socio-cultural de Zarracós tiña lugar a primeira reunión de asociacións e entidades de A Broa (Para aqueles que o descoñezan A Broa é o territorio conformado polas parroquias de Corvillón, Entrambosríos, Olás e Zarracós). Unha reunión que agardamos se repita con certa periodicidade e que pretende fomentar a cooperación entre asociacións e  entidades da zona, así como, dinamizar na medida do posible os pobos da marxe esquerda do Arnoia.

A día de hoxe, nas nosas parroquias, existe unha importante cantidade de casas baleiras (algunhas delas xa en ruínas) e de terreos ermos. Moitos destes inmobles atópanse á venda ou existe a posibilidade de poder alugalos dalgún xeito, sen embargo, a publicidade do estado no que se atopan é practicamente inexistente, limitada a un par de carteis pegados nunha ventá que apenas ve ninguén ou, no mellor dos casos, algún anuncio a través dunha axencia inmobiliaria local.

Por tanto, unha das primeiras iniciativas saídas desta reunión é a creación dunha bolsa de inmobles á venda ou en aluguer na internet, co obxectivo de dar unha maior difusión aos mesmos e facilitar na medida do posible que non se abandonen as casas e terreos nos nosos pobos pondo en contacto aos propietarios con milleiros de posibles compradores potenciais.

Esta nova iniciativa, depois de varias semanas de intenso no pouco tempo libre do que dispomos, entra a funcionar hoxe de xeito totalmente gratuíto, a partires de hoxe todos aqueles que pretendades vender ou alugar un terreo nos pobos da Broa, se así o desexades, poderedes publicar un anuncio nesta páxina web.

Cómo funciona este servizo?

O sistema é moi sinxelo, tanto para publicar o anuncio dun terreo como dunha vivenda, só tendes que seguir os tres pasos que se vos propoñen:

  1. Primeiro paso: deberedes achegar as carecterísticas básicas da vivenda ou do terreo que desexedes anunciar, aquelas que son obrigatorias estan marcadas cun (*). En calquera caso sempre teredes que inserir os 5 díxitos que aparecen na imaxe de verificación, aceptar a política de privacidade e finalmente pulsar o botón Seguinte paso.
  2. Segundo paso: se o desexades poderedes escoller ata 10 fotografías para unha vivenda e ata 5 para un terreo. Tanto se queredes achegar algunha imaxe como se non sempre teredes que inserir os 5 díxitos que aparecen na imaxe de verificación e pulsar o botón Publicar anuncio. Neste paso tamén se permite a cancelación do anuncio pulsando o botón Cancelar.
  3. Terceiro e último paso: se todo foi correctamente o sistema envirá un email ao correo electrónico que achegastes (senón esta na bandexa de entrada mirade na de Spam) no que figuran dous vínculos: un para Publicar o anuncio e outro para eliminalo. Para rematar a publicación deberedes pulsar no vínculo correspondente.

Pode pulsar nos enlaces abaixo figurantes se desexa publicar un anuncio:

17 de Febreiro do 2014




Destacamos