Unhas 106 persoas se deron cita no campo da festa de Zarracós para disfruntar dun gran xantar á feira
O pasado Sábado,día 14 de Xuño, tiña lugar a XV Edición Do Xantar Popular Na Honra A San Ceriz, coincidindo coa festividade de dito mártir (16 de Xuño, Luns). Unha festa que ano a ano se vai consolidando, e que pesares da crise, volveu a contar de novo cunha participación máis que aceptable, nada máis e nada menos que 106 persoas se deron cita no campo da festa de Zarracós para degustar un tradicional "menú á feira". Son algunhas menos que o ano precedente pero sen dúbida unha cifra nada desprezable, máxime neste tempos.
Baixo un sol de xustiza, a xornada festiva daba inicio cos correspondentes actos relixiosos, como ven sendo costume, unha pequena procesión polo camposanto seguida dunha misa solemne oficiada polo sacerdote titular da nosa parroquia: Don Camilo Do Val. Neste punto queremos salientar que a igrexa estaba perfectamente ornamentada grazas ao traballo desinteresado das mulleres do pobo, que sempre están dispostas a doar flores e a levar un inmenso traballo para que o noso templo este nas mellores condicións, tamén queremos por en relevo unha doazón anónima de 50 euros que permitiu comprar flores e outras cousas necesarias para a igrexa, e como non, facer unha mención especial a varios voluntarios que durante a semana axudaron a adecentar os xardíns anexos ao cemiterio, que presentaban un aspecto de desleixamento total.
Finalizados os oficios relixiosos todos aqueles que se apuntaron no xantar, previo pago dos 22 euros por comensal, dirixíronse ata o campo da festa de Zarracós para dar boa conta dunha tradicional comida "á feira" : empanada, polbo, carne ao caldeiro con patacas, bica, café, viño branco e tinto, pan de cea e como non podía ser menos licores da terra. Un completo e abundante menú que fixo as delicias de todos aqueles que asistimos a esta gran festa.
Tras facela dixestión, era momento para celebrar o V TORNEO DE CHAVE DE SAN CERIZ no que se deron cita ao redor de 38 participantes e no se proclamou gañador, unha vez máis, Hipólito, seguido de Camilo Casas e César Currás. Outros optaron por xogar unha partida de cartas no novo local social ou por admirar a Exposición De Fotografías E Debuxos do Bosque Máxico que estivo dispoñible no local social os días 14 e 15 de Xuño.
Sen lugar a dúbidas un completo día, que reuniu a todos os veciños en torno a unha mesa, non só para disfrutar da boa comida e da boa bebida senón para polo menos unha vez ao ano reunirse en irmandade e disfrutar da boa compaña e da festa!!!
Dende a Asociación de Veciños queremos dar as grazas a todos aqueles que participastes nesta festa, esperando que fose do agrado de todos!
16 de Xuño do 2014