Unha auténtica mágoa e unha ocasión única estragada
Esta Asociación de Veciños fixo un gran esforzo para facer posible que as fotografías e debuxos do Bosque Máxico puidesen ser admiradas tanto polos veciños da parroquia de Zarracós como polos das parroquias limítrofes. Ao longo das últimas semanas colocáronse carteis por case todos os pobos que compoñen a Broa, así como, nos poucos establecementos existentes, realizouse promoción a través desta páxina web (nos últimos 30 días recibiu 298 visitas) e das distintas redes sociais das que dispón esta Asociación (Facebook e Twitter), publicouse o evento nas principais axendas culturais de Ourense (Tempo de Lecer, Vou Axenda e Turismo de Ourense) e ata se chegou a facer promoción via teléfono móvil (Whatsapp).
O resultado: este domingo, soamente catro veciños de A Broa empregaron uns minutos da súa vida para achegarse ata ao Local Socio-Cultural de Zarracós e admirar esta exposición gratuíta, e de non ser por que esta Asociación buscou a coincidencia da mesma coa da celebración do xantar popular do San Ceriz, problablemente ninguén a houbese visto, unha auténtica mágoa.
Resultados como este, son os que fan decaer o ánimo dos poucos que levamos algo de traballo para que esta zona teña vida e non esmoreza, levándonos tamén a reflexionar se verdadeiramente merece a pena empregar o pouco tempo libre do que dispomos, quitándollo aos nosos familiares e amigos e gastando diñeiro do noso peto (na maior parte das ocasións), para realizar cousas en prol dos demais que logo, salvo algunhas excepcións, ninguén valora.
En resumo, unha auténtica mágoa e unha ocasión única estragada. Dende a Asociación agardamos, que cando menos, para o medio cento de persoas que se decidiron a asinar no libro de visitas da exposición, así como, para aqueles que se pasaron a vela sen asinar fose do seu agrado.