Durante a semana das festas poderán ser admiradas máis de 230 imaxes no local socio-cultural
Un ano máis, e xa van tres consecutivos, pola festa das das Neves chega a III Exposición de fotografías antigas da parroquia de Zarracós que nesta edición medra e estará composta por máis de 230 imaxes.
Imaxes que reflexan a vitalidade que noutro tempo tiveron estes nosos pobos, cheos de mocidade e de xente loitadora, incasables traballadores nestas nosas terriñas, hoxe ermas, pero abofé que se algo caracterizaba aos nosos predecesores era a unión, a armonía e ese espírito axuda mutua que matiñan: romarías, festas, labores agrícolas...supuñan a mellor excusa para reunirse e axudarse uns aos outros ou simplemente gozar dos poucos intres de diversión que deixaban os duros traballos no agro.
Sen lugar a ningunha dúbida, esta exposición é un bo pretexto para achegarse á festa das Neves e coñecer máis sobre os nosos antepasados, as nosas tradicións, a nosas festas e os nosos pobos.
Ademais esta nova edición da mostra estará cargada de novidades. Ao longo destes anos, a cada unha das fotos recollidas fóiselle asignando un número correlativo, agora ese identificador poderá ser admirado en cada unha das imaxes, e se así o desexas, poderás axudarnos a completar a información relativa a cada instantánea. Tamén poderás asinar no libro de visitas que atoparás á saída deixándonos a túa impresión sobre a mostra.
28 de Xullo do 2014