Así foi a festa das Neves da parroquia de Zarracós do 2014

Celebrada os días 8, 9 e 10 de Agosto

Así foi a festa das Neves da parroquia de Zarracós do 2014

Os pasados días 8, 9 e 10 de Agosto do 2014 tiñan lugar as populares festas da parroquia de Zarracós na honra a Virxe das Neves. Unha celebración que seguramente será recordada por aspectos ben distintos: por seren as primeiras sen a Gran Charanga As Neves despois de máis de 7 anos amenizando os festexos, pola ausencia de foguetes durante as festas, pola meteoroloxía adversa da fin de semana ... pero sen dúbida polo bo humor e o gran ambiente festeiro que se respirou durante os tres días de intensos festexos.


O venres día 8 de Agosto daban comezo as festas cos tradicionais xogos infantís, que na tarde-noite fixeron as delicias dos máis pequenos da parroquia e dos pobos da contorna, que tiveron que enfrontarse a diversas probas e xogos de sempre: probas de equilibrio, as cadeiras, probas de obstáculos, probas con auga,... e que viron recompensado o seu esforzo coa choiva de caramelos e cos múltiples agasallos que recibiron. Ao remate dos xogos, o Grupo de Acordeóns Bieito Blanco  realizaba o seu primeiro paso para posteriormente facer un breve descanso para cear.


Xa ca barriga chea, sería a quenda para o segundo pase do Grupo de Acordeóns Bieito Blanco, que nos deleitaron cos seus grandes éxitos ao acordeón pero tamén coa gran voz de Baldomero, e como non, dos "cantantes" da parroquia e da contorna que se atreveron a cantar no tradicional karaoke, que ano a ano vai subindo de nivel, e que este ano contou de novo cunha gran participación, rematando a altas horas da madrugada.


O día 9 pola maña (ben cedo) era a charanga BCB (de Celanova) a encargada de por o toque musical polas rúas da parroquia, así como, de acompañar a procesión, cantar a misa e amenizar a sesión vermouth no campo da festa, e sen lugar a ningunha dúbida, deixaron abraiados a case que todos, converténdose na revelación das festas deste ano: trouleiros, animados, cantaríns e sobre todo grandes profesionais e traballadores.


Neste día, tamén era tradicional, disputar o clásico partido de Fútbol 7 entre as parroquias de Zarracós e Corvillón, pero un ano máis, e xa van dous consecutivos, non puido ser debido ao mal estado do terreo de xogo, polas continuas falcatruadas do xabarín.

 
Pola noite, a iso das 23.00 horas, era a quenda do GRUPO MIDAS (de Pontecesures) que sen lugar a dúbidas non defraudou, facendo un gran espectáculo con dúas horas e media de música moi bailable (cumbias, merengues, mexicanas, rumba, clásicos galegos...) e de interacción co público presente a pe de campo para logo rematar na madrugada con música para a xuventude.


Despois de que moitos nos deitaramos o sábado as tantas da maña, o domingo tocaba madrugar para percorrer de novo os distintos pobos da parroquia coa charanga GARRAFÓN.COM (de Chantada), a cal tamén amenizaría tamén a sesión vermouth.


Polo serán tería de novo lugar o xa máis que tradicional Torneo de Chave, que este ano quedouse no barrio do Outeiro, concretamente para José Alberto López (máis coñecido como Chispitas), claro gañador do torneo con cinco pegadas á chave.


Unha vez rematado o torneo, a iso das 21.30 horas, tocaba deleitarnos coa actuación do GRUPO AZALEA (de Ourense), que interpretando música moi bailable fixo as delicias de todos aqueles que nos demos cita no campo da festa de Zarracós, para posteriormente, por punto e final con temas roqueiros de sempre. Así, unha vez rematada a actuación desta agrupación musical ourensá, os músicos do pobo (pandereteiras, gaiteiros, caixeiro e acordeonista) puñan o punto e final as festas deste ano amenizando a queimada popular de fin de festa.


No que atinxe ao sorteo dos 300€, o segundo premio (recordemos 100€) quedouse de novo no barrio do  Outeiro, concretamente foi para Maricarmen Fernández Taín (quen xa tivera esta sorte hai un par de anos), mentres que o primeiro premio (recordemos 200 €) foi parar por segundo ano consecutivo a Forxás dos Montes, en concreto tocoulle a José Antonio Pérez. Este ano foi José Manuel o que repartiu a sorte.


O campionato de Tute este ano contou cunha asistencia un pouco superior ao ano anterior,e foron 8 as parellas que se inscribiron. Nico e Antonio proclamáronse claros gañadores con 9 puntos, mentres que Agustín e Mari (dende Logroño) foron os segundos clasificados.


Hai dous anos incorporábase unha novidade ás actividades que se realizan durante a festa e dende logo que contou cunha gran acollida: a exposición de fotos antigas. Este ano, de novo, volveuse á levar a cabo esta iniciativa baixo o título: III Exposición de Fotos Antigas da Parroquia de Zarracós, e unha vez máis volveu a recibir centos de visitas durante a semana contando cunha gran aceptación entre os veciños, aínda que soamente 16 persoas se animaron a asinar no libro de visitas da mostra.


Dende a Asociación de Veciños queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a todas e cada unha das persoas que fixeron posible que as festas de Zarracós se levasen a cabo un ano máis: a Bieito Blanco e aos membros do grupo de acordeóns, a toda a xente que nos mercou rifas tanto para o sorteo do Nadal como para o da festa, a todos os que colaboraron para realizar os xogos infantís, a todos os socios, a toda a xente que nos axudou a vender rifas en especial a Emilio, a todos aqueles que participaron nos torneos, a todos os veciños que nos axudaron a por as banderiñas, a todas aquelas persoas que nos aportaron diñeiro a maiores, aos veciños que botando man do seus instrumentos e das súas voces se prestaron a animar a queimada de fin de festa... grazas a todos e cada un de vos as festas da parroquia de Zarracós resisten un ano máis e son un exemplo de paz, harmonía e diversión.

Nos vindeiros días iremos completando unha lista de reprodución con máis de 45 vídeos en calidade HD que suman un total de dúas horas e media:

Na galería de fotos tamén podedes atopar máis de 440 imaxes que reflexan case que todos os intres da festa

13 de Agosto do 2014




Destacamos