Unha ruta moi aconsellable para todos aqueles amantes da natureza
O pasado domingo, día 28 de Setembro, tiña lugar a sexta edición da tradicional andaina do Concello de A Merca, que este ano tivo unha participación menor ca outros anos, pero que sen embargo contou cunha ampla representación de veciños da parroquia de Zarracós.
Todos aqueles que nos decidimos a participar nesta nova edición desta singular proba deportiva puidemos admirar, en todo o seu esplendor, a gran beleza da paisaxe que conforma o noso entorno, e que a miúdo nos resulta completamente descoñecida, a pesares tela ben ao carón.
O punto de inicio, ao igual que en anos precedentes, era local social de Rubillós, dende que partimos en dirección á Ponte da Lera para cruzar o río Arnoia e logo dirixirnos cara o pobo de Entrambosríos, polo sendeiro paralelo á estrada que nos comunica coa capitalidade municipal. Seguidamente, os nosos pasos continuarían polo camiño da “Fraga”, presidido a ambos lados por soutos centenarios e pola súa gran fontela, que atesoura grande lendas.
Unha vez alcanzada a primeira cota superior, ao carón do pobo de Salpurido, comezaría o descenso cara Cobas do Río, ao que accederiamos a través dunha angosta canella, e tras percorrer as estreitas rúas deste fermoso pobo, noutrora repleto de habitantes, continuariamos en dirección ao pobo abandonado da Ponte Hermida, no que despois de imaxinar por un intre o apoxeo que nalgún momento deberan ter aquelas ruínas, agora cheas de silvas, reanudamos de novo o descenso ata cruzarnos de novo co río Arnoia a altura da presa do “Cholas”.
Daría comezo así, un dos tramos máis esixentes desta edición da andaina, a subida polo camiño da “Presa da Máquina” ata o “Camiño da Feira”. Superado este tramo tan duro os nosos pasos continuarían cara o centenario “Carballo do Ferreiro” e logo cara o o avituallamento situado no pobo de Fontao.
Logo de parar uns minutos para repor forzas comendo algunha froita e bebendo auga, sería o momento de retomar de novo a nosa andaina, encamiñando os nosos pasos cara o pobo de Oxén de Arriba polo camiño do “Campo Grande”, e seguidamente afrontar a derradeira pendente desta edición que nos levaría ata a “Fonte dos Ollos” , lugar de inicio dun dos tramos máis fermosos desta edición, o camiño que comunica esta fonte co pobo de Olás, un sendeiro que conxuga a beleza dos nosos bosques coa pincelada xusta da man do home.
Unha vez superado o pobo de Olás, sería momento de afrontar o tramo final desta edición, que nos levaría de novo ao pobo de Entrambosríos e posteriormente ao pobo de Rubillós (lugar de inicio), non sen antes cruzar o río Arnoia polas pontes do muiño do Cristino.
A continuación deixamos unha galería de máis de 50 fotos do que foi a andaina da Merca do ano 2014, que reflexan a beleza deste trazado. Esperamos que sexan do voso agrado.
28 de Setembro do 2014