Celebrado o pasado sábado, 8 de Novembro, nun día pasado por auga
O pasado sábado, día 8 de Novembro, tiña lugar a XXI edición da festa do Magosto da parroquia de San Andrés de Zarracós, que este ano de novo, continuando coa senda iniciada no 2011 celebraríase ao mediodía.
Desta volta, as condicións meteorolóxicas non foron tan propicias como o ano pasado e houbo que ir improvisando para poder realizar case que todos os traballos. Ás dez da mañá un importante número de voluntarios provistos de varias motoserras e de dous tractores, dispuxéronse a ir buscar a leña, e así, despois de cargar ben os dous tractores e levalos ata o campo da festa, a gran fogueira prendíase a iso das once e xa non se apagaría ata o día seguinte. Este foi a única tarefa que se puido realizar con normalidade, non sendo así para poder asañar as castañas e os chourizos, onde no primeiro caso houbo que recorrer a unha cociña particular e no segundo a instalar unhas grellas provisionais no palco, ao acollido. Mentres isto ocorría, outro grupo de voluntarios que se prestaron para botar unha man foron preparando toda a comida: cortando as empanadas,os lacóns, o pan e as bicas, repartindo a bebida e os utensilios para comer....
Xa, a iso das dúas do mediodía, uns 105 veciños e veciñas se daban cita no Outeiro, nunha edición que non foi tan concorrida como en anos anteriores, pero que aínda así, contou cunha participación moi aceptable, dando todos eles boa conta do menú e da festa propostos pola organización. Este ano, debido a circunstancias, a sobremesa non estivo tan animada como noutras ocasións pero si houbo tempo para xogar longas partidas de cartas, manter interesantes conversas... e sobre todo, gozar da irmandade veciñal, que de cando en vez, proporcionan festas destas características.
Pola noite, e dado que sobrou unha importante cantidade de comida, todos aqueles que así desexaron puideron volver para cear, prolongándose a festa ata ben entrada a noite nun ambiente completamente distendido.
Antes de rematar estes parágrafos, queremos aproveitar a ocasión que nos brinda esta páxina web para expresar o noso agradecemento a todas as persoas que colaboraron activamente na consecución desta festa, pois sen eles, xamais houbese sido posible.
Podedes atopar unha extensa galería de fotos no seguinte enlace: Galería de fotos do magosto
11 de Novembro do 2014