Así foi a clausura do cursiño de manualidades 2014-2015

Celebrada o día 29 de Marzo de 2015, domingo, no local socio-cultural da parroquia de Zarracós

 

 

Así foi a clausura do cursiño de manualidades 2014-2015

O pasado Domingo, día 29 de Marzo de 2015, tiña lugar a xa tradicional cerimonia de clausura do Cursiño de Manualidades, correspondente ao curso académico 2014-2015. Unha celebración xa consolidada como unha máis na nosa parroquia, e que conta xa no seu haber con máis de 15 anos dende que se comezara a impartir aló polo ano 2000.


Unha vez máis o novo local socio-cultural da parroquia foi o encargado de albergar esta nova edición da mostra á que asistiron preto dun cento de persoas chegadas dende todos os puntos da parroquia, así como, dos pobos limítrofes, e na que puideron admirar unha extensa exposición dos traballos realizados ao longo do devandito curso: cadros de toda clase(con fíos,en relevo, castelaos, óleos, punto de cruz..) , unha maqueta dun canastro, bisutería variada (pendentes, colares, aneis,...), mantelería, bolsos, cabazas decoradas, reloxos, bolas de nadal realizadas con macarróns, lámpadas, un xugo restaurado como percheiro, calceta e un largo etc de orixinais traballos.


Chegado o momento dos actos protocolarios o Tesoureiro desta Asociación e Concelleiro do Excmo. Concello de A Merca (Manuel Fernández Vilanova) tomaba o relevo para pronunciar un emotivo discurso, no que comezaría anunciando a súa retirada da vida política municipal, tras máis de 20 anos como concelleiro, así tras uns merecidos aplausos dos presentes retomaba a palabra anunciando que o Concello seguiría apoiando iniciativas destas características, en detrimento doutras (dado o actual ambiente de recortes), dado que este tipo de actividades axudan a dinamizar o rural cada vez máis despoboado, ao mesmo tempo tamén louvaba o enorme traballo levado a cabo no curso. Rematado o discurso, as participantes agasallaban ao Concello cunha fermosa caixa de madeira.


Tralos actos institucionais comezaba a "paparota", así os que alí estivemos puidemos degustar unha gran variedade de pinchos: froitos secos, tortilla, biscoitos de toda cor e sabor, empanada, bica, refrescos, viño branco e tinto, licores varios, chocolate.... en fin, e como soe ser tradicional nas festas que se levan a cabo e como se soe dicir: "non se fartou quen non quixo".


Salientar, que toda esta comida e bebida foi pagada polas asistentes ó curso, e por aqueles veciños que decidiron participar aportando o eu gran de area.

A continuación publicamos un pequeno vídeo do que foi a este acto e tamén podedes atopar na nosa galería fotográfica máis de 150 imaxes do evento.

 

Pulsa aquí para ver a galería fotográfica

30 de Marzo do 2015




Destacamos