O pasado Sábado, 20 de Agosto, tiña lugar a cuarta edición da festa do pan de Zarracós, que tal e como ven sendo tradicional nos últimos catro anos se ven celebrando na céntrica Eira dos Días.
Ao longo da semana voluntarios e voluntarias do pobo, que xa van acumulando experiencia no arte da panadería, amasaban e enfornaban o pezas de pan e as empanadas dos que darían boa conta os máis de 150 comensais que concorrerían a esta cita gastronómica na tarde do sábado.
Así, a xornada festiva, para os "festeantes-comensais", comezaba o sábado a iso das 7 do serán, cando aqueles que así o desexaron puideron participar na terceira edición da tirada do carro, así como, na segunda da carreira de sarillos, ambas levadas a cabo na chaira da Torre, contando estas cunha ampla participación.
Unha vez gastadas as enerxías tocaba degustar os manxares previstos para tal festexo: empanadas e pan do forno de Zarracós, costela ao forno, chourizos, bica,rosquillas, licores, viño, refrescos.... un extenso menú que de seguro fixo as delicias dos que alí nos citamos.
E como non unha vez cargadas as pilas tocaba gastar de novo enerxía bailando ao compás da Gran Charanga As Neves de Zarracós e do dúo de acordeóns, que puxeron a nota musical a este festexo que se consolida ano a ano na nosa parroquia.
Queda a disposición de todos vos unha extensa galería fotográfica do mencionado festexo. así como, diversos vídeos do que foi esta nova edición da festa do pan.