Historia da Asociación de Veciños San Andrés de Zarracós

Dende a súa fundación no ano 1993 ata os nosos días

Historia de Asociación de Veciños San Andrés de Zarracós

Nos seguintes parágrafos narraremos de xeito cronolóxico os feitos e consecucións máis importantes que acadou este organismo dende os seus inicios ata os nosos días.

1993

A Asociación de Veciños de San Andrés de Zarracós comezaba a andar aló polo mes de Xullo do ano 1993. Daquela, varios veciños encabezados pola xuventude da parroquia decidiron por as cementacións a este sólido proxecto que se prolonga ata os nosos días. Entón, os socios eran uns 80 e a directiva estaba formada nun primeiro intre por:

  • PRESIDENTE: José Luis Dorrego Taín

  • SECRETARIO: Antonio Mera Fernández

  • TESOUREIRO: Manuel Fernández Vilanova

  • VOCAL 1º: Javier Babarro Fernández

  • VOCAL 2º: Manuel Canal Fernández

  • VOCAL 3º: José Javier Cid Canal

  • VOCAL 4º: José Manuel Nóvoa Méndez

  • VOCAL 5º: Raúl Nóvoa Taín

  • VOCAL 6º: Antonio Rodríguez Canal

  • VOCAL 7º: Herminia Seguín Salgado

  • VOCAL 8º: Manuel Taín Díaz

  • VOCAL 9º: Celso Vázquez Fernández

Naqueles inicios xa había propósitos e ideas moi interesantes enriba da mesa: o servizo de San Cristán, bancos de madeira para as prazas e rúas, a realización dun campo de fútbol no Outeiro de Zarracós, a cesión da casa reitoral para local social, taboleiros de anuncios nos pobos, a plantación de árbores e a instalación de papeleiras no campo da festa,o ensanchado da rúa principal do barrio da Torre, solicitouse o arranxo do forno de Zarracós para poder cocer nel, e tamén, un espello para o cruce de Cobas do Río... a maioría fóronse conseguindo pouco a pouco e coa colaboración desinteresada de moitos veciños e do concello, e outras, como poderemos comprobar máis adiante, foron chegando co paso dos anos.

Nese mesmo ano, recordemos o 1993, e tras varios anos sen festas na honra a Virxe das Neves a Asociación de Veciños retomou a súa celebración. Así, durante ese verán, realizáronse gran multitude de actividades: o torneo de baloncesto que viña sendo tradicional dende a construción da cancha tomaba xa o seu formato 3x3 (dado que sempre contaba cunha participación excepcional da xente da contorna e chegaba a facerse moi longo), levouse a cabo o primeiro campionato de Tute por parellas, organizáronse xogos infantís grazas a colaboración de José Luis Cabo Conde (como viña sendo tradicional naquel entón) e tamén se realizou unha sardiñada que contou cunha gran aceptación.

A inquietude da Xunta Directiva por aquelas datas levounos a crear un grupo teatral, que con moita dedicación e moitas horas de ensaios, concluíu coa representación de diversas obras de teatro na escola de Corbillón, na casa da cultura de Xinzo de Limia, no grupo escolar de A Merca...

1994

A Asociación de Veciños establece a súa sede no baixo do palco dá música, polo que, solicita ao Excmo. Concello de A Merca que proceda a conexión de luz para que este pequeno local puidese ser utilizado como local social polos veciños. Así mesmo, e froito da incipiente afección que existía polo teatro naquelas datas, intentouse levar a cabo a construción dun pequeno anfiteatro que permitira poder realizar representacións teatrais ao aire libre, por desgraza, esta obra nunca se puido acometer.

Ese mesmo ano, tamén se solicitaron ao concello, e foron concedidos, unhas trinta árbores: piñeiros, abetos e carballos que foron plantados pola xuventude da parroquia no comunal do Outeiro con motivo da celebración do día do árbore.

1995

O acceso á fonte do Pinguelo en Cobas do Río atopábase en moi malas condicións, e a Asociación, atendendo as queixas presentadas polos veciños do pobo, demandou do Concello que procedese a arranxar o acceso á mesma. Nese mesmo ano, a brigada de obras do concello colocou o pasamáns que a día de hoxe preside a entrada ao regueiro de Fontao e tamén construíu as escaleiras e arranxou a fonte en si.

Na primeira metade da década dos noventa, a afección ao fútbol da xuventude do pobo era cada vez maior. En anos anteriores xa se iniciaran os trámites para a consecución dun campo de fútbol que finalmente sería inaugurado neste ano, realizando o saque de honra o Señor Benedicto (por aquela data, a persoa máis anciá do pobo). Para tal ocasión, e coa finalidade de que os deportistas do pobo tivesen unha indumentaria axeitada para a practica deste deporte, a Asociación mercou unhas camisolas de fútbol por valor de 40.000 ptas, estas, aínda seguen hoxe a servizo dos veciños e veciñas.

1996

Pendente de redacción

1997

Pendente de redacción

1998

Vendo o risco que existía no “Campiño da Igrexa” de que un vehículo ou calquera persoa puidesen rematar no fondo do valado, solicitouse ao Concello que colocase unha valla de protección. A súa instalación non se fixo esperar moito e nese mesmo ano foi posta.

Por aquel entón, eran cada vez máis os veciños que solicitaban que o camión do butano baixase ata a praza do Campo, en Zarracós. Froito destas demandas a Asociación fíxolle unha petición formal á empresa Repsol, que pronto se fixo eco, e dende aquelas o camión do butano baixa ata O Campo, para maior servizo dos veciños.

Outra das demandas atendidas nese ano foi o ancheado da parto de acceso ao campo santo, xa que esta se quedaba algo escasa nos funerais á hora de pasar co cadaleito. Esta obra foi realizada e sufragada polo Concello de A Merca.

Coa chegada da auga do río, chegaron as bocas de rego ás nosas rúas e chegou a necesidade de equipar os pobos con algúns metros de mangueira para combater os incendios, no caso de que estes se achegasen en exceso ás vivendas. Así, tras examinar múltiples ofertas decidiuse mercar 150 metros de mangueira (50 para cada pobo da parroquia) á ferretería o Posío (de Ourense). Estas mangueiras serían colocadas nos fornos de Cobas do Río, Salpurido a Zarracós no inicio do ano seguinte.

1999

Este ano foi moi importante para a recuperación dunha festa que ata aquel momento permanecía no caixón do esquecemento. O 19 de Xuño do 1999, a Asociación de Veciños recuperaba a inexistente festa do San Ceriz levando a cabo a primeira edición da comida popular, tal e como a coñecemos nos nosos días. Aquela primeira paparota contaba coa asistencia, nada máis e nada menos, que de 172 persoas, a máis multitudinaria ata o día de hoxe. Neste mesmo ano tamén daba inicio, o que a día de hoxe pode considerarse unha tradición, o cursiño de manualidades.

Outro acontecemento destacable daquel ano foi que, os ladróns fixeron das súas na Igrexa Parroquial, e roubaban o valioso copón do século XVII. Ante a inmobilidade do párroco, a Asociación de Veciños presentaba a denuncia correspondente no cuartel de Garda Civil de Celanova, e a raíz denuncia, días despois do roubo, este valioso copón era atopado pola Garda Civil de Allariz nas inmediacións do pobo de Castrelo. O copón regresou á parroquia para logo ser exposto no museo de Santa Clara en Allariz, onde aínda se pode admirar hoxe en día.

2000

Pendente de redacción

2001

Desde os inicios da Asociación as necesidades foron aumentando pouco a pouco, e local social sito no baixo do palco quedábase moi escaso para as actividades que se realizaban ao longo do ano. Así, e ante a imposibilidade de poder construír un novo local de cero, a única saída que se atopou foi ampliar o palco da música, solucionando dous problemas que se presentaban por aquel entón, por unha banda escaso espazo do local social, e por outra, ampliar o espazo para que as orquestras puideran montar con maior amplitude. Froito desta inquietude conseguiuse unha subvención de 350.000 ptas da Xunta de Galicia para acometer esta ampliación, cantidade que obviamente, non foi suficiente para realizar a obra ao completo, pero o Excmo. Concello de A Merca achegou a man de obra e do diñeiro restante para finalizar a actuación.

Outra obra destacable que se realizou neste ano, foi o arranxo da canella que da acceso á Igrexa Parroquial dende a estrada das “Santas”. Unha vella demanda dos veciños que era atendida polo Concello trala solicitude realizada dende a Asociación.

2002

O campo da festa sempre constituíu unha das principais inquedanzas desta Asociación de Veciños, e poder dotalo de alumeado foi unha das obras que sempre estivo na mente da Xunta Directiva. A oportunidade chegaba neste ano da man dunha subvención concedida pola Xunta de Galicia, por importe de 1500 euros. Esta cantidade non foi suficiente para financiar ao cen por cen a obra, que só en material necesitou 1.696 euros, pero o Concello correu co resto dos gastos e ca man de obra facendo posible que hoxe dispoñamos do fantástico alumeado co que conta o noso campo da festa.

Neste mesmo ano solicitáronse ao Concello 30 árbores para ser plantadas nos marxes do campo de fútbol. Estas foron concedidas meses despois e plantadas coa colaboración dos membros da Xunta Directiva e daqueles veciños que boamente se prestaron a realizar este traballo que sería feito coa axuda dunha pequena retro-escavadora, financiada pola Asociación de Veciños. Unha vez plantadas as árbores, facíase necesario auga para poder regalas nos seus primeiros anos, así, naceu a inquietude de levar a auga da traída ata o alto do Outeiro, para elo solicitouse ao Concello 100 metros de mangueira, e de xeito manual abriuse unha zanxa ata o campo de fútbol.

O cota de 60 euros (10.000 ptas) que ata este ano estivera vixente, cada vez era máis escasa para poder levar a cabo unha festa das Neves decente. Foi entón cando se estableceu unha subida da mesma a 80 euros, votada nunha asemblea xeral pola maioría dos socios presentes, e que a día de hoxe aínda segue vixente.

2003

O magosto sempre foi e é unha celebración que conta cunha fonda tradición na nosa contorna, esta Asociación dende os seus inicios aló polo ano 1993 viña e ven organizando de xeito continuado esta festa e, por tanto, observou a necesidade de poder contar cunha grella no campo da festa que permitise asar os chourizos ou calquera outro prato que estimase oportuno, sen andar causando molestia aos veciños. A raíz desta necesidade, a Asociación de Veciños tramitou e acadou unha subvención da Xunta de Galicia por valor de 1000 € que permitiu a colocación dunha grella de pedra no campo da festa. O importe desta foi de 1.392 €, co que a subvención cubriu a obra na súa totalidade e houbo que pagar o montante con cargo aos fondos deste organismo.

2004

Neste ano a Xunta Directiva da Asociación de Veciños sufriu unha fonda renovación, xa que se deron de baixa da mesma:Antonio Mera Fernández, Javier Babarro Arias, Celso Vázquez Fernández, José Grande Freire, Josefa Fernández Freire e Antonio Taín Casas(como Secretario), quedando a nova Xunta Directiva conformada do seguinte xeito:

  • PRESIDENTE: Manuel Taín Díaz

  • VICEPRESIDENTE: Antonio Rodríguez Canal

  • SECRETARIO: José Manuel Taín Vilanova

  • TESOUREIRO: Manuel Fernández Vilanova

  • VOCAL 1º: Emilio Dorrego Taín

  • VOCAL 2º: María del Carmen Rodríguez Ortega

  • VOCAL 3º: José Manuel Nóvoa Méndez

  • VOCAL 4º: Camilo Casas López

  • VOCAL 5º: Herminda Rodríguez Velo

  • VOCAL 6º: María del Carmen Quintas Taín

  • VOCAL 7º: Antonio del Río Basalo

  • VOCAL 8º: Alfredo Miranda Carbajales

Nese mesmo leváronse a cabo moitas iniciativas: encargouse unha arca para a tribuna da Igrexa, arranxáronse a Eira dos Días de Zarracós (lugar onde hoxe se celebra a festa do pan) e a fonte da igrexa. Tamén, a raíz da aceptación por maioría do uso do baixo do palco como velorio encargáronse cortinas para as ventás e unha máis grande para a cabeceira do local, ademais dunhas lámpadas, equipamento que no seu día superou os 800 €.

2005

Neste ano a Asociación de Veciños tramitou e conseguiu unha subvención da Xunta de Galicia por valor de 800 € que se empregou para desterrar o que moitos consideramos a localización ideal para un futurible novo local social, a parte superior da cancha de baloncesto.

Algúns veciños de Cobas do Río amosaban unha especial preocupación pola canalización de augas existente nunha pequena canella que comunica a parte máis alta do pobo co a rúa principal, en vista disto, a Asociación de Veciños solicitou ao Concello de A Merca que procedese a construción dunha arqueta e a canalización das augas nesta rúa. Meses despois, a brigada de obras do concello atendendo a esta solicitude arranxaba esta canalización.

2006

O local social sito no baixo do palco cada ano que pasa vaise quedando máis escaso para acoller a cantidade de eventos que a Asociación e os veciños levan a cabo. Esta inquietude non pasa desapercibida para os membros da Xunta Directiva e no 2006 inténtase dar un novo paso adiante para conseguir a construción dun novo local social máis moderno e amplo, froito disto, acádase un acordo co Excmo. Alcalde do Concello de A Merca (Manuel Jorge Velo Reinoso) para que o arquitecto do Concello realice un anteproxecto ou memoria valorada da obra, documento oficial que posteriormente permitiría poder optar a algunha das poucas subvencións oficiais que por aquelas datas existían.

No denominado cruce das Santas sempre existiu unha marquesina para esperar ao bus, un fatídico día esta marquesina amenceu completamente esnaquizada polo impacto dun coche que posteriormente se deu a fuga sen identificarse. Así, a Asociación de Veciños viuse na obriga de solicitar ao concello a retirada da vello apeadoiro esnaquizado, así como, a substitución da mesmo por un novo. Esta substitución aínda se faría esperar varios meses, dado o elevado importe da nova marquesina, pero a pesares diso acabou chegando.

As festas e curso que se celebran no pequeno local social sito no baixo do palco cada vez son máis, e xurde a necesidade de dispor dalgún mobiliario onde poder gardar o material e utensilios empregados nos mesmos. Así, e ante a imposibilidade de financiar a adquisición do mesmo por parte da Asociación solicitouse ao concello un armario (aínda que fora de segunda man) para colocar no baixo do palco. Meses despois o ente municipal procedía a colocar dous armarios completamente novos no local.

2007

Neste ano, substitúese a madeira da tribuna da Igrexa Parroquial dado que se atopaba en moi mal estado pola acción das termitas, unha obra que foi acometida con cargo aos fondos da Asociación de Veciños e que supuxo o importe nada desprezable de 1.202,88 €.

O arquitecto do Concello de A Merca, tras varios meses de espera, entregaba as primeiras vistas en planta do que se intentaba que fose o novo local social, e tamén, tramitábase unha subvención para equipar o baixo do palco, solicitando: unha televisión de 37 polgadas, unha antena, un ordenador portátil e un dvd. O que se pretendía era darlle unha nova visión ao pequeno local do que dispuñamos ata o momento. Nesta subvención tamén se solicitaba axuda para darlle un carácter máis profesional á páxina web existente, mercando o dominio www.zarracos.org.

Renovación da Xunta Directiva trala dimisión de María del Carmen Rodríguez Ortega e José Manuel Nóvoa Méndez quedando a directiva configurada do seguinte xeito.

  • PRESIDENTE: Manuel Taín Díaz

  • VICEPRESIDENTE: Antonio Rodríguez Canal

  • SECRETARIO: José Manuel Taín Vilanova

  • TESOUREIRO: Manuel Fernández Vilanova

  • VOCAL 1º: Emilio Dorrego Taín

  • VOCAL 2º: Teresa Taín Olano

  • VOCAL 3º: Julia Paz Rivero

  • VOCAL 4º: Camilo Casas López

  • VOCAL 5º: Herminda Rodríguez Velo

  • VOCAL 6º: María del Carmen Quintas Taín

  • VOCAL 7º: Antonio del Río Basalo

  • VOCAL 8º: Alfredo Miranda Carbajales

2008

Acádase a subvención da Xunta de Galicia para poder mercar material multimedia e mellorar a páxina web que xa existía daquelas. O importe concedido para o material foi de 1150 euros e con eles instalouse a antena no local social, mercouse un televisor plano de 37 polgadas, un dvd e un ordenador portátil. No que atinxe ao concepto da páxina web a subvención ascendeu a 400 euros que permitiron adquirir o dominio www.zarracos.org e darlle un carácter máis profesional.

A raíz da instalación deste material no local social, os membros da Xunta Directiva mostran a seu temor de que os ladróns poidan facer das súas, así, solicitouse ao concello a instalación dunhas reixas nas dúas fiestras que ten o local. Esta demanda sería atendida meses despois.

Comeza de novo a sopesarse con máis forza a construción dun novo local social non descartando acudir a todos os organismos oficiais que sexa posible.

2009

No 2009 mércase e instálase unha neveira para o local social por valor de 349 euros, instálanse dúas novas carteleiras de aluminio dado que as feitas no ano 1993 xa se atopaban en moi mal estado, nese mesmo ano a inquietude do novo párroco Don Camilo Doval, da Directiva da Asociación e en especial de Manuel Vázquez Outeiriño sobre o lamentable estado no que se atopa o Retablo Barroco da nosa igrexa lévanos a intentar realizar unha restauración do mesmo, así, o primeiro orzamento que chegou ás mans da Asociación superaba con moito os 32000€ e ante a negativa do Bispado de Ourense a realizar calquera tipo de doazón nun principio desbotouse a idea, a pesares de que había comprometidas importantes doazóns. Aínda así, a finais do 2009 a preocupación polo estado do retablo seguía presente e foi entón cando se decidiu solicitar presupostos a outras empresas e restauración.

2010

Este ano, quizais podería ser consideralo un dos anos máis importantes da historia deste organismo veciñal, e en xeral da parroquia de San Andrés de Zarracós, xa que se acadaron dous fitos enormes: por unha banda conseguiuse restaurar o retablo maior da igrexa parroquial e por outra construír o novo e desexado local socio-cultural, grazas a confianza que o Excmo. Concello de A Merca depositou en nós ao asignarnos un proxecto por valor de 75.250 € do segundo Plan-E levado a cabo polo Goberno Central.

No mes de Febreiro acordábase definitivamente proceder á restauración do retablo maior e conceder a obra a empresa Alquimia SL por un importe de 25.600 euros, así, tras acadar os pertinentes permisos da Dirección Xeral de Patrimonio, as obras comezaban un martes, día 8 de Xuño, coa intención de que estivesen rematadas para a festa das Neves dese mesmo ano, cousa que sería imposible, tendo que posporse a inauguración da restauración ata o día 5 de Decembro do 2010.

Outra data para recordar, foi o 15 de xuño do 2010, ese día a empresa Cruz Val SL (de Gomesende) comezaba a executar as obras do novo local socio-cultural que finalizarían nos primeiros meses do 2011.

Tamén, no mes de setembro, e dado que por aquel entón sobrara bastante diñeiro da festa das Neves, a nada desprezable cantidade de 1708,25€, decidiuse ampliar o campo da festa de Zarracós desterrando un anaco de terreo xusto a entrada e outro despois do no novo local social (Recordemos que se estaba comezando a construír), coa finalidade de mellorar a luminosidade do mesmo e darlle unha maior vistosidade, esta obra alcanzaba o importe de 2.345 euros e era acometida pola empresa Tito Compresores de Celanova.

Unha vella demanda dos veciños do pobo de Cobas do Río era que se solicítase o arranxo do forno ao Concello. Esta solicitude era presentada neste mesmo ano e a brigada do Concello non tardaría en poñerse mans á obra para proceder a restauración deste elemento de gran valor etnográfico.

2011

O cura da parroquia nestas datas, Don Camilo Doval, viña comunicando a esta Asociación de Veciños o lamentable estado no que se atopaba a instalación eléctrica da igrexa parroquial. Esta situación non era descoñecida para a Xunta Directiva, pero o elevado importe necesario para acometer esta obra, facíaa imposible. Sen embargo, e grazas a importante doazón realizada por Manuel Canal Vázquez, a enorme cifra de 6.608 €, a empresa Carpilectro S.L (de Corvillón) procedía a renovar a instalación eléctrica da igrexa parroquial, previa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e despois de haber presentado o correspondente proxecto.

Neste ano tamén nos chegaría unha boa nova, o grupo Francisco de Moure concedía aos veciños da parroquia de Zarracós o seu XIII Premio que anualmente entregan a quen vela pola conservación do patrimonio. A entrega oficial deste simbólico galardón sería o día 24 de Xuño do 2011, un sinxelo acto na igrexa e unha gran festa no novo local socio-cultural

Co novo local socio-cultural xa rematado, comezan a observase pequenas deficiencias na súa iluminación, dado que soamente contaba cun único punto de luz, por iso, a Asociación solicitou ao concello que solventase esta carencia que non tardou en ser resolta. Chegaba entón o momento de facer a inauguración oficial desta gran obra, e a data escollida para facelo sería o día 10 de Xullo do 2011, día no que se montou unha gran festa con: comida e bebida a fartar, a actuación musical da Coral Cantares do Miño (dirixida por Bieito Blanco), a pertinente bendición da edificación polo párroco e moita troula, sen dúbida, unha data para escribir con letra ben grande na historia desta parroquia.

Esta Asociación sempre quixo darlle a maior utilidade posible a este novo local, e por iso, converteuse este espazo nunha verdadeira sala de exposicións colocando un sistema colga cadros, por un importe de 400€ (grazas a que membros da Xunta Directiva puxeron a man de obra).

2012

A petición de moitos dos membros da Asociación, organízase o primeiro curso de bailes latinos, que por desgraza, non contou coa esperada aceptación, imposibilitando a súa reedición en anos vindeiros.

Tras varios meses reunindo fotos antigas cedidas voluntariamente polos veciños da parroquia, lévase a cabo a primeira exposición de fotos antigas da parroquia de Zarracós contando con varios paneis nos que se amosaban preto de 50 instantáneas dos nosos ancestros, das nosas tradicións, das nosas festas,... Esta exposición vense reeditando dende este ano e pouco a pouco vai incrementando o número de imaxes.

A asociación encargada de xestionar os fondos europeos para as Comarcas de Celanova e da Baixa Limia, denominada O Vieiro-Leboreiro, finalmente comunica a non aceptación da subvención que esta Asociación de Veciños presentara para a equipar o novo local socio-cultural. A raíz desta triste comunicación, a Xunta Directiva toma a decisión de proceder a mercar o equipamento con cargo aos seus propios fondos, así: colocáronse catro estantes no almacén, mercouse un paragüeiro-percheiro, dous taboleiros , seis cabaletes, accesorios para os servizos e un amplificador para poder por música na gran multitude de festas que se realizan ao longo do ano, xa que os altofalantes foran doados previamente por dúas familias membro da Asociación.

2013

02 de Novembro do 2013

Noticias relacionadas

Non existen artigos relacionados




Destacamos