Son tempos difíciles para todos, a situación económica non é todo o boa que puidésemos desexar, e nestas circunstancias tan adversas, a maioría de nós, tendemos a tomar decisións de aforro, prescindindo daquelas cousas que non consideramos indispensables ou esenciais nas nosas vidas, tales como pode ser, as festas.
Dende tempos inmemoriais, os festexos da parroquia de Zarracós constituíron ,e constitúen, unha parte fundamental no sentir e na vida das xentes desta parroquia, e incluso, das dos arredores. Todos, o que máis e o que menos temos algún que outro fermoso recordo da festa das Neves: o noso primeiro amor ou incluso o amor da nosa vida; as vacacións no pobo e o reencontro cos amigos e veciños da infancia; a intensa competición naquel afamado torneo 3x3 de baloncesto; as representacións teatrais da xuventude da contorna; a participación nos xogos infantís e a ansiedade de coñecer que nos depararía a seguinte proba ou que lambetadas e premios nos agardarían ao rematar; as maratonianas xornadas no campionato de tute (no que algún día incluso se chegou a xogar nas xesteiras e ao sol); a sempre existente rivalidade deportiva entre as parroquias de Zarracós e Corbillón nos disputados partidos de fútbol; as tradicionais canterías ao carón do bar “Mami me voy pa la habana”,”O paraguas do Xosé”, “Que te chingo María que chingo”... entre outros moitos grandes éxitos populares; o despertar ao son da alborada; o estrondo das vésperas que dan inicio ós festexos; a primeira participación do noso fillo ou filla nos xogos infantís; a reunión de toda a familia en completa harmonía ao carón dunha mesa repleta de comida e bebida; a recollida dun trofeo no palco da orquestra coa consecuente ovación do público; as grandes verbenas de bailes no campo da festa; as entretidas conversas ao carón da taberna; ver a todos os presentes no campo da festa formando unha inmensa roda ao son dunha muiñeira, ou formando unha ringleira co “Paquito Chocolatero”; a procesión da Santa e de San Ceriz ;...
Poderíase seguir citando mil recordos, emocións, sentimentos, vivencias, ... e facer unha lista incriblemente extensa, pero de seguro que por moi xigante que esta fose, non seriamos capaces de mencionar ese recordo tan especial, que todos e cada un de nos, conservamos da festa das Neves.
Por estas e por outras moitas razóns esta Asociación de Veciños, dende os seus inicios, aló polo ano 1993, tomou como firme propósito organizar e manter vivas as festas patronais na honra a Virxe das Neves. Son xa 19 anos consecutivos ao cargo das festas, e as cousas están máis difíciles ca noutras ocasións, pero iso non nos quita o alento e a forza para seguir adiante con esta fermosa unión da parroquia e dos pobos da contorna.
Así, aproveitando a difusión que nos da un medio coma este, pedímosvos que manteñades a mesma ilusión ca nós polas festas, e que cando teñades que tomar a difícil decisión de aforrar ,ou non, pensedes en todo isto e loitedes por elas á vosa maneira: comprando unha simple rifa, participando nun torneo, botando unha man á asociación para facer os múltiples traballos que supón organizar unhas festas destas características, dando un pequeno donativo sexa monetario ou material... cada gran de area conta, e se algo fará posible que as festas de Zarracós non rematen, é a unión de todos e cada un de nós por un propósito común.