As celebracións na honra ao San Ceriz

Un santo con moita devoción nas nosas terras

As celebracións na honra ao San Ceriz

Ata finais dos anos setenta principios dos oitenta o San Ceriz era un santo que contaba con moita devoción na nosa zona, por iso, ás celebracións na súa honra acudía moita xente dos arredores, principalmente de Berredo, Froias, As Quintas, San Pedro... Estes encomendábanse ao santo para que lles coidase o gando cando enfermaba,e se as súas pregarías facían efecto, ao ano seguinte acudían a festa e ofrecían lacóns e polos que logo eran poxados polo San Cristán co fin de recadar diñeiro para o Señor Cura. Tamén existía a tradición de coller auga na fonte Igrexa, para logo darlla de beber aos animais cando estaban enfermos, xa que se lle atribuían propiedades milagreiras.

Naqueles anos a procesión do santo, sempre acompañado pola Virxe das Neves, ía dende a igrexa parroquial ata a praza do Campo en Zarracós. Todo o percorrido da procesión era decorado con espadanas e fiollo e na cima da escaleira do camposanto, onde era o inicio, realizábase un arco floral. Ao final da mesma (na praza do Campo) tamén se realizaba outro arco floral encima do banco, onde se subían os máis pequenos da parroquia e recitaban os exemplos á chegada da comitiva.

Ao tempo tamén existía unha cerdeira na esquina da fonte do Campo, feito que aproveitaban os veciños para tirar unhas cordas dende unha pedra cun furado situada no canellón ata esa cerdeira e logo ata unha parra que tiñan os “Cesteiros” diante da súa casa, nela colgaban as mellores roupas da cama que posuían para recibir ao Santo. Durante toda a procesión a música dáballe a solemnidade característica a esta celebración.

01 de Maio do 2013




Destacamos