Historia da parroquia de Zarracós

Dende o Século XVIII ata os nosos días

Ata finais do primeiro terzo do século XIX a parroquia de San Andrés de Zarracós pertenceu a xurisdición de Vilariño do Campo, que naquel momento era recoñecido como Pobo de Señorío Secular pertencente aos Condes de Maceda, que nomeaban nel Alcaldes Ordinarios (Máis coñecidos como Pedáneos). Xunto coa parroquia de Zarracós á xurisdición de Vilariño do Campo tamén pertencían as parroquias de Santa María de Olás, Santiago de Pardavedra e parte das parroquias de Entrambosríos, Podentes e Corbillón.

 

Esta configuración do poder e do territorio manteríase así ata o ano 1821, ano no que se establecerán os primeiros “Axuntamentos” constitucionais e a Deputación de Galicia procede a dividir o territorio que actualmente coñecemos como Concello de A Merca en dous: o “Axuntamento de A Merca” e o “Axuntamento de Vilariño do Campo” ao que seguiría pertencendo a parroquia de Zarracós (Nestas datas a nosa parroquia era anexa da de Santa María de Corbillón, a pesares de contar xa coa súa propia igrexa, construída no ano 1747).

 

Esta nova división permanece vixente ata ano 1836, ano no que se dividirá Galicia nas súas catro provincias e se pasará a unha nova división municipal na que a poboación de A Merca se converterá en capitalidade do “Axuntamento” e Vilariño do Campo nunha das súas xurisdicións.

 

A mediados do Século XIX (1846-1850) na parroquia de Zarracós había 25 veciños e unhas 83 almas (cabe destacar que naquelas datas só se computaban as persoas bautizadas, de aí que se utilice o termo almas en lugar de persoas), a nosa parroquia como relatamos con anterioridade seguía a ser anexa da de Santa María de Corbillón, pero xa pertencía a xurisdición de Celanova. O terreo estaba considerado de moi boa calidade, de clima san e moi venteado, polo que os nosos ancestros vivían esencialmente do sector primario cultivando: millo, trigo, centeo, leguminosas, viño, patacas e liño (cultivo predominante naquela época). Abondaban os pastos e polo tanto o gando vacún, lanar e caprino. Compre salientar que os nosos devanceiros tamén se adicaban tanto a pesca de anguías como a de troita, nun Río Arnoia no que había moita pesca.

01 de Maio do 2013

Noticias relacionadas

Non existen artigos relacionados




Destacamos