A Festa das Neves 2023 animou o verán na parroquia de Zarracós

Celebrada os días 4,5 e 6 de agosto de 2023

A Festa das Neves 2023 animou o verán na parroquia de Zarracós

Un verán máis as festas na honra a Virxe das Neves volveron para darlle vida á nosa parroquia, así os pasados días 4, 5 e 6 de agosto do 2023 tiñan lugar estes festexos populares que este ano acadaban unha cifran ben redondiña, nada máis e nada menos que 30 anos consecutivos de troula, que se din pronto.

As festa daban comezo, o venres día 5 de agosto, cos tradicionais xogos infantís, que un ano máis fixeron as delicias dos máis pequenos da parroquia e dos pobos da contorna, preto de 30 cativos se animaron a participar desta actividade e abofé que se divertiron ó enfrontarse ás diversas probas e xogos de auga, para finalmente ver recompensado o seu esforzo cunha gran choiva de lambetadas e entrega de medallas.

Finalizados os xogos, tocou realizar un pequeno descanso para ir cear e así, co bandullo cheo,  desfrutar co concerto do gran GRUPO DE ACORDEÓNS BIEITO BLANCO, que este ano escolleron as nosas festas para estrear vestimenta (Sen dúbida, unha mostra do enorme cariño que lle teñen á nosa parroquia). Así, durante máis de hora e media  deleitaron os oídos do numeroso público que se achegou ata o campo da festa de Zarracós para gozar do seu bo facer, recibindo sempre o agarimoso aplauso do respectable. Entre medias, non faltou a súa cita o gran tenor Baldomero Pavón (Membro do grupo) que tamén se animou a cantar uns temas acompañado polo gran mestre Bieito Blanco ó acordeón.

Antes de continuar fiando palabras neste artigo queremos aproveitar a ocasión para expresar o noso especial agradecemento ós compoñentes do Grupo de Acordeóns Bieito Blanco e a Bieito Blanco pola súa implicación con estas festas, mil grazas!!!!

Unha vez finalizado o concerto de acordeóns,  era a quenda para o tradicional karaoke, que  aínda que este ano non tivo unha enorme participación, os máis cativos non perderon a ocasión para cantarlle algún dos seus temas favoritos.

O día 5 pola maña, sería a quenda para unha formación máis ca veterana nas nosas celebracións que non é outra que a gran CHARANGA  BCB (de Celanova). Eles foron os encargados de animar as rúas da parroquia coa súa música, así como, de acompañar a procesión da Virxe das Neves á praza do Campo. Logo animarían a sesión vermú no campo da festa, e tal e como nos teñen acostumados nunca defraudan: traballadores, trouleiros, animados e grandes músicos.

Neste dia tamén queremos destacar a importante participación da veciñanza, primeiro para cantar excepcionalmente ben a misa coa inestimable dirección do mestre Bieito Blanco e segundo para engalanar a praza cun arco de flores, bandeirolas e con colchas tecidas a man, tal e como se facía antigamente.

Logo de repousar o xantar e de durmir unha pequena sesta (aqueles que puideron), chegou o momento para o deporte, en concreto para o fútbol sala. Este ano e despois do éxito do ano anterior,  novamente fixéronse dous partidos, un ás 19.00 horas para os máis cativos e outro ás 20.00 horas para os máis veteranos. No primeiro proclamouse gañador o equipo laranxa, mentres que no segundo proclamouse gañador o equipo “xuvenil” fronte ó equipo dos “veteranos”, polo que cabe destacar o importante papel  que comezan a tomar as novas xeracións da parroquia e que sen dúbida lle confire a esta tradición unha longa vida.

Pola noite, a iso das 23.00 horas sería a quenda do GRUPO ALMA LATINA (de Cervo - Lugo) que este ano repetían nas nosas festas. Como ben diciamos o ano pasado, unha agrupación cunha montaxe máis ben humilde, pero que nunha noite con temperaturas perfectas para ir de verbena soubo facer bailar ó público co seu repertorio de música de baile en directo, sempre animando o torreiro á pe de campo.

De novo, o domingo tocaba madrugar para percorrer os distintos pobos da parroquia coa CHARANGA EL BREXIT (de Ourense), que este ano debutaban nas nosas festas e que sen dúbida non defraudaron en absoluto, sorprendendo dun xeito excepcional coa espectacular misa cantada que se marcaron, conseguindo emocionar á veciñanza presente ata o punto de provocar bágoas. Seguidamente tocarían unhas “pezas” no campo da festa para animar a sesión vermú.

Polo tarde, tería de novo lugar o xa máis que tradicional Torneo de Chave, que este ano contou coa participación de 21 xogadores  e no que se proclamou gañador Bieito Blanco, despois dunha rolda de desempate con Pablo Cid,  e rompendo a racha gañadora de Rubén Samperio.

Unha vez rematado o torneo de chave e tras unha brevísima pausa para cear, a iso das 22.00 horas, tocaba gozar coa actuación do TRIO XTRA (de Gondomar), que cun repertorio variado e adaptado a todos os públicos, conseguiron animar a festa. Unha vez rematada a actuación deste trío pontevedrés, sería a quenda dos músicos da parroquia e da zona para pórlle o broche de ouro ás festas do 2023 amenizando a queimada popular de fin de festa.

Referente ó sorteo, os 200€ parar ó peto de Ana Nóvoa Rodríguez de Zarracós,  mentres que os 100 € foron para Sonia Abad de Vilar da Merca, o lote da Tenda do Pepiño foi para Arantza  e o premio de consolación, o lote de Queixos Feijoo foi nesta ocasión para Manuel Calviño de Fontao. Como ben decimos un ano tras outro, pode parecer “estraño” que os premios recaian moitas veces nas mesmas persoas, pero son da xente que máis colabora mercando papeletas, polo que é normal. Parabéns a todos eles e como non grazas pola súa excepcional colaboración.

O campionato de Tute disputouse o día 3 de agosto por eliminatorias, contando coa participación de 11 parellas. Aníbal e Vicente proclamáronse gañadores tras impoñerse na final ós segundos clasificados, José Luís Dorrego e Mack. Novamente, este ano a organización decidiu ofrecer unha cea ós participantes composta por: queixo, lacón asado, empanada e pan.

Finalmente, destacar unha das novidades deste a “I Exposición de Arte Local” na que se puideron admirar obras de Ivette Bordera, Maricarmen Peña, Ángel Vento e Nuria Erre Pe, sen dúbida un luxo poder contar coa participación destes artistas.

Dende a Asociación de Veciños queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a todas e cada unha das persoas que fixeron posible que as festas de Zarracós se levasen a cabo un ano máis: a Bieito Blanco e ós membros do grupo de acordeóns, a toda a xente que nos mercou rifas tanto para o sorteo do Nadal como para o da festa, a todos os que colaboraron nas distintas tarefas (especialmente á xuventude), a todos os socios, a toda a xente que nos axudou a vender rifas, a todos aqueles que participaron nos torneos, a todas aquelas persoas que nos aportaron diñeiro a maiores, ós veciños que botando man do seus instrumentos e das súas voces se prestaron para cantar a misa ou animar a queimada de fin de festa... grazas a todos e cada un de vos as festas da parroquia de Zarracós volven e resisten un ano máis sendo un exemplo de paz, harmonía e diversión.

Para despedir este artigo, queremos continuar pedíndovos colaboración. Por primeira vez en moitos anos este ano a xuventude implicouse na festa e é algo para agradecer, pero pedimos que ese espírito de colaboración non morra e que cada ano se vaian animando máis e máis a participar na organización para non deixar morrer esta festa, pois as forzas dos que neste momento asumimos o maior peso van indo bastante xustas.

Pulsa aquí para acceder á galería fotográfica da Festa das Neves 2023

Aquí tendes máis de 110 vídeos da festa en calidade HD que reflexan todo o que nela aconteceu.

 

21 de Agosto do 2023




Destacamos