O pasado venres, día 27 de decembro, numeroso público gozou da décima edición deste certame musical
O Concerto de Nadal xa é un evento cultural máis que consolidado na nosa parroquia e na zona, e por iso, ata a Igrexa Parroquial de San Andrés de Zarracós acudiu un bo número de persoas dispostas a gozar desta variada gala musical. Así, e aínda que é ben certo que houbo menos público que noutras ocasións, se algo nos enche de orgullo e que a xente acuda a unha igrexa do rural galego para algo distinto a un enterro, un feito bastante excepcional nos tempos que nos tocou vivir.
Así, polo presbiterio da igrexa parroquial foron pasando un elenco de artistas do máis variado, uns profesionais e outros non tanto, pero que sen dúbida, todos souberon facer gozar ao público presente no concerto. Os primeiros en subir ao improvisado e solemne escenario foron as alumnas e alumnos do curso de pandeireta e canto tradicional de Zarracós que interpretaron nada máis e nada menos que seis cancións: “Canto de Nadal de Laxoso”, “Canto de entrada do serán de Laxoso”, “Cantar do arrieiro de Silván”, “Pasodobre de Loutoño”, “Rumba de Cambre” e “Rebeirana dos Seixedos”.
De seguido, sería a quenda para a Agrupación Musical Somos Nos de Celanova que este ano debutaba no noso templo interpretando: “Yo quiero ser marinero”, “Los amigos”, “Dous amores”, “Un coliño” e “Abeto fiel”.
Logo, chegarían os pianistas. Así o cativo Álvaro Rial interpretou “Ahea of us” e “El golpe” (un auténtico virtuoso para a súa cota idade) e finalizaría o moza Laila Franqueira cos temas “Idea 10” e “Noche de Paz”.
Xa no ecuador do concerto, chegaría unha das principais novidades deste ano e quizais dos últimos anos, pois nunca tivemos a sorte de contar cun gaiteiro para o concerto, é así que o dúo formado polos mestres Xan Pérez (Gaita) e Bieito Blanco (Acordeón) arrebatou o aplauso máis fervoroso do público ao interpretar dúas cancións tradicionais de xeito maxistral: “Foliada dos morenos” e “Muiñeira de Pontesampaio”.
A continuación chegaría o momento dos e das cantantes, primeiro o gran tenor Baldomero Pavón deleitou aos presentes coa súa extraordinaria voz cantando: “Veinte años”, “Ojos de España “ e “Habemos de ir a Viana”. En segundo lugar Marta Justo deleitaría ao respectable coa canción “Blanca Navidad” e finalizaría o bloque de canto Aisha Pereira coa canción “Todo lo que quiero eres tu”.
Finalmente e tal e como ven sendo costume edición tras edición, o remate do concerto correría unha vez máis a cargo do gran Grupo de Acordeóns Bieito Blanco que interpretarían catro pezas: “Coro de esclavos”, “Libre”, “Rumba dos cinco mariñeiros” e “Villancicos americanos”.
Para por o broche final, todos os artistas participantes subiron ao escenario para interpretar todos xuntos e co público varias panxoliñas: “Que se despierte”, “Dime niño de quién eres” e “Vinde ver o neno”.
Dende a Asociación de Veciños non nos queda máis que dar as grazas a todas e a todos os que fixestes posible un Concerto de Nadal tan fermoso, de xeito moi especial a Bieito Blanco e a todos os seus alumnos e alumnas, a Agrupación Musical Somos Nos e a Xan Pérez (Profesor de pandeireta), e como non, tamén agradecer a presenza do fantástico público que acudiu ata a igrexa parroquial de Zarracós un ano máis, e xa van dez edicións.
Aquí deixamos os vídeos de todas as actuacións para que poidades revivir este gran concerto:
30 de Decembro do 2024