A celebración tivo lugar o pasado sábado 15 de xuño do 2024
O Serán de Zarracós é unha celebración que naceu para festexar a fin de curso das alumnos e alumnos de pandeireta e canto tradicional. Este ano celebrouse o pasado sábado, 15 de xuño, e nel congregouse un bo número de veciñas e veciños da parroquia, así como, dos pobos limítrofes para gozar da actuación das alumnas e alumnos do curso, así como, dos grupos que se animaron a participar da celebración.
Primeiramente, actuaron os anfitrións do evento que interpretaron varias cancións divididas en dous seráns, o primeiro composto por: “Xota de Rianxo”, ”Maneo de Montemaior”, “Muiñeira de Zobra” e “Agarrado de Liñares” e o segundo: ”Pasodobre das Cortellas”, “O Cantar do Arrieiro” , “Sei Cantar” e “Pasodobre e muiñeira corrida Morena por ti”
De seguido sería a quenda para a Asociación Cultural Somos Nos (de Celanova) e para un grupo de amigos e amigas da parroquia que non dubidaron en botar man dos seus instrumentos para tocarlle unhas pezas e sumarse ó Serán.
Entre todos eles, montaron unha gran “foliada” facendo un bo repaso polo cancioneiro popular Galego mentres o torreiro se arrancaba a bailarlle unhas pezas ou a acompañar coas súas gorxas.
No medio das diferentes actuacións musicais que se foron sucedendo ó longo da tarde, realizáronse catro sorteos de produtos locais grazas a extraordinaria colaboración de empresas da zona: Carnicería Costa, Panadería Fontelo, Queixos Feijoo, O Forno do Tomás, Confitería Luisa, Panadería Marbella, Mel do Caminero, Construcións Nóvoa, Servidona Alimentación e Xesta Brava. Parabéns ás persoas agraciadas!!
Unha vez rematadas as actuacións dos grupos participantes, a esmorga trasladaríase ó interior local sociocultural, onde o público asistente puido dar boa conta duns abundantes pinchos por cortesía das alumnas e alumnos do curso. Unha xuntanza humilde, pero que deu lugar a animosas conversas e canterías.
Dende a asociación de veciños queremos agradecer o gran traballo realizado por Cristina Calle (profesora de canto e pandeireta). Así mesmo, tamén queremos darlle as grazas ás agrupacións musicais que se animaron a participar deste evento cultural de forma totalmente altruísta. Mil grazas!!
Agardamos que este sinxelo evento fose do agrado de todos aqueles que vos animastes a vir polo campo da festa de Zarracós, e ogallá que nunca falte o bo humor e as ganas de festa nos nosos pobos.
A continuación deixámosvos o vídeo completo do evento e o enlace a unha galería fotográfica:
19 de Xuño do 2024