Neste primeiro trimestre do ano 2025, a asociación de veciños ten solicitado ao Concello da Merca unha serie de melloras para a parroquia. Algunhas delas son vellas demandas que aínda non foron solucionadas, mentres que outras son novas peticións resultantes da última asemblea xeral levada a cabo por esta asociación de veciños.
De seguido detallamos cada unha das peticións realizadas:
Na estrada municipal que comunica a aldea de Salpurido coa de Zarracós, á altura da entrada do campo da festa da parroquia, existe un cambio de rasante que na actualidade representa bastante perigo tanto para peóns como para vehículos debido á ausencia de visibilidade e ao estreitamento da estrada nese lugar.
Solicitouse que, para mellorar a seguridade viaria no lugar se proceda ao ensanchado desta estrada municipal pola marxe dereita en dirección a Igrexa Parroquial de Zarracós.
En Zarracós, á altura do denominado Barrio da Igrexa (en Zarracós), existe unha travesía duns 100 metros de lonxitude, na que seguridade viaria é manifestamente mellorable, tanto para vehículos como para peóns.
Solicitouse que, para mellorar a seguridade viaria nesta travesía o Concello da Merca proceda ao ensanchado desta estrada municipal, colocando os drenaxes necesarios e cimentando as cunetas tanto da marxe esquerda como da dereita, naqueles lugares onde sexa posible. Ensanchando previamente a rúa ao aliñar o muro das fincas que se atopan nas inmediacións, cumprindo sempre cos criterios expostos polas persoas propietarias.
Nas inmediacións da Praza do Campo, na aldea de Zarracós, ata hai uns anos existía un peculiar conxunto de hórreos situados sobre uns penedos. A total inacción dos propietarios e das administracións públicas competentes fixo que na actualidade xa non quede nada deste fermoso conxunto etnográfico que presidía o centro da aldea.
Así, considerando que na actualidade debería primar o ben común e a comodidade da veciñanza que habita no lugar, solicitouse ao Concello da Merca que proceda ao ensanchado desta rúa de titularidade municipal, realizando dita obra con criterios de intervención sobre o patrimonio e respectando os materiais orixinais do muro existente, co fin de que se poida efectuar o xiro sen necesidade de realizar manobras adicionais.
Na aldea de Salpurido existe un paso moi estreito que dificulta sobre maneira o tránsito de vehículos con certo volume, como poden ser: tractores, ou furgonetas de reparto, que en múltiples ocasións se ven obrigados a dar un considerable rodeo de seis quilómetros para poder acceder a parte este da aldea (Hai que ir ata Corvillón e acceder por Cobas do Río).
En consecuencia, solicitouse ao Concello da Merca que, para mellorar a mobilidade nesta estrada municipal, se negocie coa persoa propietaria do terreo afectado e no caso de que haxa vontade de cesión por parte da mesma se proceda ao ensanchado desta vía municipal no punto relacionado, movendo o muro e respectando tanto os criterios de intervención sobre o patrimonio como as indicacións dadas pola persoa propietaria do terreo.
No ano 2022 o Concello da Merca acometeu labores de mantemento en diversas rúas do lugar de Zarracós, chegando dita actuación ata a Praza do Campo, sen embargo, o estado de conservación das rúas da parte baixa da aldea comeza a ser precario, en concreto as do Barrio dos Trizós e as do Barrio da Torre.
Así, solicitouse ao Concello da Merca que, tan pronto como sexa posible se acometan os traballos de conservación necesarios para mellorar o firme destas rúas, tapando as fochancas ou asfaltando tramos completos, no caso de ser necesario.
A maiores, tamén se solicitou que previamente a estes traballos, se limpen e acondicionen as cunetas destas rúas.
Insistiuse de novo no pintado do interior do local social de Cobas do Río.
Volveuse solicitar a reparación das humidades no Palco da Música, construíndo unha beira rúa de cemento ao redor do palco de 100-120 centímetros e con caída cara o exterior, que en principio evitaría a filtración de auga o interior do local e as humidades. Así mesmo, tamén se solicitaba a colocación dun canlón coa súa correspondente baixante no servizo anexo a este local.
Reclamouse de novo o arranxo da estrada municipal que comunica O Casal e Salpurido con Zarracós, pois a día de hoxe, continúa pendente e soamente se taparon unhas cantas fochancas no lugar denominado A Carpaceira en Zarracós.
Reivindicouse outra vez o arranxo da beira rúa situada ao carón do Cemiterio Parroquial de Zarracós, así como, o dunha arqueta que existe no lugar e que presenta importantes deficiencias.
Instouse de novo ao concello a estabilizar e afianzar cruceiro da Praza do Campo, pois o varal oscila, empregando uns criterios axeitados de intervención sobre o patrimonio.
08 de Marzo do 2025