O pasado Sábado, 18 de Agosto, tiña lugar a quinta edición da festa do pan de Zarracós, que tal e como ven sendo tradicional nos últimos cinco anos se ven celebrando na céntrica Eira dos Días do pobo de Zarracós, e que este ano contou coa presenza de máis de 130 comensais, demostrando unha vez máis que nesta parroquia as ganas de pasalo ben, as ganas de festa e a unión gáñanlle por goleada esmagadora á crise. Algo que sen dúbida fai que debamos sentirnos profundamente orgullosos de pertencer a esta parroquia.
Pois ben, ao longo da semana voluntarios e voluntarias do pobo, que xa van acumulando unha gran experiencia no arte da panadería, amasaban e enfornaban as pezas de pan das que darían boa conta os comensais que concorrerían a esta cita gastronómica.
Así, a xornada festiva, para os "festeantes-comensais", comezaba o sábado a iso das 9 do serán cando os anotados no festexo podían degustar os manxares previstos para tal evento: pan do forno de Zarracós, empanadas, costela ao forno, chourizos á sidra, bica,rosquillas, licores, viño, refrescos.... un extenso menú que ,de seguro, fixo as delicias dos que alí nos citamos.
E como non, unha vez cargadas as pilas cunha cea de excepción, tocaba gastar de novo enerxía bailando ao compás da Gran Charanga As Neves de Zarracós, que puxeron a nota musical a este festexo que ano a ano se vai consolidando na nosa parroquia.
Queda a disposición de todos vos unha extensa galería fotográfica do mencionado festexo. así como, diversos vídeos do que foi esta nova edición da festa do pan.
20 de Agosto do 2012