Dona Sancha Eanes

A primeira abadesa do convento Santa Clara de Allariz

Dona Sancha Eanes

No ano 1282 a raíña Violante de Aragón (esposa de Alfonso X O Sabio) , funda o mosteiro de Santa Clara de Allariz.

As primeiras congregacións de monxas clarisas foron as de Santiago de Compostela e Pontevedra en torno ao ano 1270. O convento de Allariz sería o terceiro deste estilo en Galicia, pero a diferenza dos dous anteriores ,erguidos por iniciativa de burgueses ou nobres, este sería o único galego de fundación rexia.

As primeiras monxas chegaron en torno ao ano 1286 procedentes de Santa Clara de Zamora, e nese mesmo ano foron as encargadas de mercar o solar de  “O Pombar” para edificar alí o mosteiro. Ata ese ano iríanse mercando herdanzas entre particulares por distintos lugares da provincia como: Vilariño de Conso, Carballa Viriña en Azoreiros (Rairiz de Veiga), Sabucedo, Zarracós, Flariz en Monterrei, Val Buxán en O Bolo.

Case con toda seguridade, moitas das primeiras relixiosas do convento procedían de lugares preto de Allariz ou doutros puntos da provincia de Ourense (principalmente de lugares nos que foran adquirindo herdanzas), e as súas familias, de linaxe nobre ou fidalgo, estaban estreitamente vinculadas ao monarca, de aí a primeira abadesa do convento, Dona Sancha Eanes, posiblemente filla de Juán Pérez, milite de Zarracós, cabaleiro ao servizo de Alfonso X, aínda que trala sublevación nobiliaria de 1272, debeu poñerse ao cargo de Don Sancho.

Trala morte de Alfonso X O Sabio en abril do ano 1284 o Rei Sancho IV realiza diversos nomeamentos de tenentes e notarios no entorno de Allariz, serían nobres dos linaxes Eanes ou Yánez que xogarían un papel moi importante na historia do mosteiro alaricano.

O especial interese de Don Sancho de que Allariz posuíse un convento mendicante, lévano a establecer unha estreita relación con membros da nobreza, de cuxas filas sairá a primeira abadesa, dona Sancha Eanes, seu irmán e un dos principais promotores do convento, don Gonzalo Eanes, milite de Zarracós, a súa cuñada María Velázquez , e sen dúbida algunhas monxas clarisas que formarán parte do convento cando sexa fundado a finais do século XIII (ano 1290).

Gonzalo Eanes foi o primeiro que mandou enterrarse no convento de Allariz co hábito franciscano.

01 de Maio do 2013

Noticias relacionadas





Destacamos