Magosto 2009

Un cento de persoas participaron no popular magosto parroquial

O pasado Sábado 14 de Novembro, a parroquia de San Andrés de  Zarracós celebrou o seu tradicional magosto (e xa van 16 anos dende que esta Asociación comezara a organizalo, aló polo 1993). A el asistiron un cento de persoas dispostas a facer boa conta do extenso menú ofrecido para a ocasión, polo módico prezo de 7 euros.

A xornada festiva comezaba nada máis rematar o xantar, cando todas aquelas persoas de boa vontade que o desexaron se reuniron no campo da festa de Zarracós para ir cortar a leña que iluminaría e quentaría a fria noite. Unha vez encendida a enorme fogueira tocaba ir preperando toda a comida: cortar a bica, a empanada, os lacóns,o pan, asar os chourizos e as castañas,embotellar o viño novo,... e así multitude de traballos para que na noite se púdese degustar a comida nas mellores condicións. Neste senso hai que agredecer a colaboración de todos os veciños que participaron activamente para que o magosto ,unha vez máis, fose posible.

Así a iso das 6 da tarde e baixo unha ameazante choiva, que finalmente nos deu tregua durante todo o festexo, os asistentes comezaban a degustar  todos os manxares: primeiro as castañas como non, logo os chourizos, a continuación o lacón asado e a empanada e finalmente bica da terra regada con licor café e café. Un variado menú que esperamos que fixese as delicias dos presentes.

Pero como non podía ser doutro xeito o que predominou no Magosto foi a parranda e o bo humor, que demostran que Zarracós é unha parroquia festeira: canterías e máis canterías, algún baile que outro, un novo artista da música, chistes varios, anécdotas, charlas.... Así queda a disposición de todos vos unha extensa galería fotográfica, coa que poderedes comprobar visualmente todo o que neste texto se di.

Tamén está a disposición de todos vos unha nova enquisa para que valoredes o Magosto do 2009, invítovos a que votedes, xa que a vosa opinión é moi importante, para votar podedes pulsar no enlace de abaixo:

16 de Novembro do 2009




Destacamos