Xornada sobre o castiñeiro para froita Zarracós 2017

Sábado 10 de xuño, ás 16.00 horas, no local socio-cultural e con entrada libre

Xornada sobre o castiñeiro para froita Zarracós 2017

O castiñeiro e o seu aproveitamento para a produción de castaña constitúen un dos usos forestais máis estendidos  na nosa zona, por iso dende a Asociación de Veciños en colaboración coa Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia  decidimos organizar este ano a Xornada sobre o castiñeiro para froita Zarracós 2017 que será o vindeiro sábado 10 de xuño, ás 16.00 horas, no local socio-cultural. A entrada será completamente libre para todos aqueles que desexen asistir, independentemente de se son socios ou non desta asociación.

Nos últimos anos o castiñeiro estase vendo afectado por unha serie de pragas que reducen considerablemente a súa produción e nalgúns casos ata poden chegar a facer secar a árbore, é así, que dende a asociación consideramos de gran importancia a adquisición dunha serie de coñecementos que permitan mellorar os coidados desta árbore autóctona.

A xornada estará impartida polo secretario da IXP Castaña de Galicia e nela trataranse diversos temas, tales como:

  • Métodos culturais: poda, enxerto, coidados...
  • Deseño de novas plantacións e mantemento
  • Enfermidades e pragas
  • Novas de Investigación e Transferencia Tecnolóxica
  • Modelos de Soutos
  • A IXP Castaña de Galicia. Situación actual e perspectivas de futuro
  • A colleita da castaña, conservación e transformación. Comercialización
  • Gastronomía da castaña.

Así mesmo, e sempre que se considere oportuno poderán formularse preguntas ó poñente, que de seguro responderá gustosamente.

23 de Maio do 2017




Destacamos