O baloncesto e os xogos populares foron a escusa perfecta para reunir ós máis cativos da zona
O pasado mércores, día 15 de agosto do 2018, tiña lugar a segunda xornada das Olimpíadas Rurais da Broa que nunha tarde ben solleira reuniron no campo da festa de Entrambosríos ós máis pequenos da nosa contorna.
Para esta nova cita a organización tiña preparadas dúas modalidades deportivas ben diferenciadas, por unha banda baloncesto e pola outra xogos variados de toda a vida. Así, primeiramente as rapazas e rapaces participantes, divididos en equipos mixtos segundo a súa idade, foron disputando diversos encontros de baloncesto, os máis pequenos nunhas canastras adaptadas a súa estatura e abofé que se divertiron practicando este deporte polas súas caras.
A continuación chegaba a quenda dos xogos variados, así os máis pequenos tiveron que demostrar a súa destreza e axilidade enfrontándose a xogos sobradamente coñecidos por todos como: a carretilla, carreiras de sacos, carreiras cos pes atados, carreira da culler e ovo, o brilé, bailar en parella sostendo un globo de auga, ... ata os maiores se atreveron con algún destes xogos nun día realmente lúdico e interxeracional.
Finalmente os participantes darían boa conta da merenda preparada para tal e ocasiónpara rematar coa entrega de medallas e de lambetadas.
Dende a organización agardamos que estas dúas xornadas fosen do agrado da maioría, e como non, queremos aproveitar a ocasión para animarvos a que levedes ós rapaces a participar na terceira xornada das olimpíadas que será no campo de festa de Corvillón o vindeiro sábado, día 18 de agosto do 2018, desta volta tocará practicar voleibol e andaina.
16 de Agosto do 2018