A celebración tiña lugar o pasado sábado, día 9 de novembro, contando coa participación de máis de 125 persoas
O pasado sábado, día 9 de novembro, tiña lugar a XXX edición do tradicional magosto da parroquia de Zarracós, unha celebración con moito arraigo na nosa terra, que mantén intacto o seu poder de convocatoria co paso dos anos e que novamente volveu reunir a máis de 125 persoas no campo da festa de Zarracós.
Se o ano pasado a meteoroloxía nola xogaba un pouco, desta volta non houbo ningún tipo de queixa, pois a temperatura foi bastante agradable (ao final hai que ter en conta que estamos en novembro) e o tempo foi solleiro, o que permitiu gozar da festividade en todo o seu esplendor.
Así, e como ven sendo costume, o normal houbera sido madrugar para ir buscar leña ao monte, pero este ano non volveu facer falta, pois varios veciños aproveitaron durante a semana para xuntarse e ir buscar leña e outros a título particular tamén foron carrexando varios tractores, polo que, con sete remolques de leña, a gran fogueira quedaría acesa a iso das dez da mañá para xa non apagarse ata ben entrado o día seguinte.
Unha vez aceso o lume daría inicio de xeito oficial unha nova edición do magosto. Ao longo da mañá, varias persoas voluntarias irían preparando a comida: cortando as empanadas, os lacóns, o pan, as bicas, facendo café, repartindo a bebida e os utensilios para comer.... e outros irían colocando mobiliario, asando os chourizos e as castañas, que novamente volveron a ser as estrelas indiscutibles desta celebración, nun ano no que houbo moita abundancia e calidade, e como non, estas estaban realmente saborosas asadas no musgo dos piñeiros (algo típico do noso magosto).
Xa co bandullo repleto, tocaba gozar da sobremesa na que houbo animación grazas as pandeireteiras e pandeireteiros do lugar e a Xan Pérez (o novo mestre de canto e pandeireta), que incentivaron un pouco o espírito festeiro con cancións tradicionais Galegas, namentres, outras persoas aproveitaban para manter animadas conversas e así facer tempo para cear a gran cantidade de comida que sobrou do mediodía.
Antes de rematar estes parágrafos, queremos aproveitar a ocasión que nos brinda esta páxina web para expresar o noso agradecemento a todas as persoas que colaboraron activamente na consecución desta festa, pois sen eles, xamais houbese sido posible.
14 de Novembro do 2024