O tradicional magosto da parroquia de Zarracós contou coa participación de cento trinta persoas na súa edición de 2018

Celebrouse o pasado sábado 10 de novembro cunhas condicións meteorolóxicas poucas favorables.

O tradicional magosto da parroquia de Zarracós contou coa participación de cento trinta persoas na súa edición de 2018
O tradicional magosto da parroquia de Zarracós contou coa participación de cento trinta persoas na súa edición de 2018

O tradicional magosto da parroquia de Zarracós contou coa participación de cento trinta persoas na súa edición de 2018
O tradicional magosto da parroquia de Zarracós contou coa participación de cento trinta persoas na súa edición de 2018

O pasado sábado, día 10 de novembro,  tiña lugar a XXV edición  do tradicional magosto da parroquia de Zarracós, unha das celebracións mais arraigadas e con máis sabor popular da  nosa parroquia e da provincia.

Aínda que o día parecía que amencía calmado e sen precipitacións, non tardou en mudar, converténdose nunha xornada con fortes rachas de vento e abundante choiva  que non permitiron gozar plenamente desta festa gastronómica,  véndonos na obriga de empregar o local social e o porche do mesmo (cuberto cun plástico para a ocasión) para refuxiarse. Ademais, cabe salientar que a excepcionalidade das obras no campo da festa reduciu notablemente o espazo dispoñible ó aire libre, tendo que xuntarse un pouquiño, pero iso non nos importou o máis mínimo,  dado que o vindeiro ano poderemos gozar dun extraordinario e renovado campo da festa.

Pois ben, baixo estas condicións meteorolóxicas a iso das nove e media da mañá un grupo de voluntarios provistos de varias motoserras, machadas e un par de tractores dispuxéronse a ir buscar leña ó piñeiral. Modesto, pola súa parte, xa achegara o seu gran de area traendo unha viaxe de leña miúda para a tradicional fogueira, que quedaría acesa a iso das once e media da mañá para xa non apagarse ata ben entrada a noite, pois catro tractores de leña dan bastante de si, sobre todo se chove arreo.

Unha vez acendido o lume daría inicio unha nova edición do magosto  que novamente volvería ter unha excepcional participación ó contar coa presenza de 130 persoas, consolidando así unha liña ascendente de asistencia que nos enche de orgullo e nos da forza para continuar ó ver que nas pequenas parroquias do rural ourensán aínda queda moita vida, soamente se necesitan gañas de pasalo ben e de unirse en irmandade veciñal. A continuación, varias voluntarias e voluntarios irían preparando a comida: cortando as empanadas, os lacóns, o pan e as bicas, repartindo a bebida e os utensilios para comer.... e outros irían asando os chourizos e as castañas,  que novamente volveron a ser as estrelas indiscutibles da celebración, sobre todo debido a súa escaseza no presente ano.

Ó igual que o ano precedente, a sobremesa non foi especialmente animada, dado que a iso das seis da tarde a maior parte dos participantes decidiron  facer un receso para asistir á misa dominical, que desta volta volveu cadrar en sábado. En contraposición, pola noite, o tema mudou por completo e todos aqueles que se animaron a volver para cear xuntos o que sobrou do mediodía puideron xogarlle unha partidiña ás cartas, gozar de animosas conversas e entoar algunha que outra cantiga popular  nun ambiente completamente distendido.

Antes de rematar estes parágrafos, queremos aproveitar a ocasión que nos brinda esta páxina web para expresar o noso agradecemento a todas as persoas que colaboraron activamente na consecución desta festa, pois sen eles, xamais houbese sido posible.

Pulsa aquí para ver a galería fotográfica do Magosto Zarracós 2018

12 de Novembro do 2018




Destacamos