O V Concerto de fin de ano ateigou de música e público a Igrexa Parroquial de Zarracós

A cita musical tivo lugar pasado sábado, día 29 de decembro, do 2018

O V Concerto de fin de ano ateigou de música e público a Igrexa Parroquial de Zarracós

Nestes tempos que nos tocou vivir, encher unha igrexa do rural para algo que non sexa un enterro é algo verdadeiramente excepcional, e tal rareza ocorreu o pasado sábado, día 29 de decembro, na Igrexa Parroquial de San Andrés de Zarracós que acolleu por quinto ano consecutivo unha nova edición do tradicional concerto de fin de ano. Unha entrañable cita musical organizada e dirixida polo gran mestre Bieito Blanco Gándara coa colaboración da Asociación de Veciños de Zarracós, dos veciños da parroquia e do Excmo. Concello de A Merca.

Polo presbiterio dunha igrexa parroquial ateigada de público para tal ocasión, foron pasando un importante elenco de artistas profesionais e non tan profesionais.  Os primeiros en subir ó improvisado e solemne escenario serían os alumnos e alumnas do curso de pandeireta e canto tradicional de Zarracós, que ben ataviados para unha velada tan especial, interpretarían catro cancións: “Cantar de seitura”, “Pasodobre”, “Cantar de Nadal: Pelo Roxiño” e “Cantar do arrieiro”.

A continuación, Brais Donís Novoa interpretaría maxistralmente ó violín a mítica canción “Hallelujah”  de Leonard Cohen,  para de seguido cederlle a testemuña ó gran tenor Baldomero Pavón que deleitaría ós presentes coa súa extraordinaria voz, cantando: “El día que me quieras” e “Júrame”.

Xa no ecuador do concerto chegaría o momento para os amantes do acordeón (que non son poucos). Así, o dúo composto por Lucía Meijón e  Bieito Blanco tocarían con gran mestría tres fermosas pezas: “Polka La Tiritera” , “Muiñeira do Morrazo” e  “Muiñeira Picada”. A continuación a orquestra de acordeóns da Escola de Música Bieito Blanco tocarían catro cancións: “Vals de Correa”, “La Paloma”, “La Bella Lola” e “Banda Galega”.

Seguidamente e por segundo ano consecutivo os compoñentes da gran Charanga BCB deleitarían ós presentes co seu bo facer interpretando tres panxoliñas sobradamente coñecidas: “Blanca Navidad”, “Dime niño” e “Mi burrito sabanero”, para logo ter que realizar un bis despois da exacerbada ovación do público presente, tocarían entón a popular panxoliña:  “Feliz Navidad”.

Os encargados cerrar o concerto serían un ano máis os compoñentes da magnífica Coral Cantares do Miño (de Velle) que interpretarían cinco cancións: “Canto de Berce”, “O primeiro Nadal”, “Te Quiero”, “Campanitas de Cristal” e “Villancico en Polka”.

Dende a Asociación de Veciños non nos queda máis que dar as grazas a todas e a todos os que fixestes posible un Concerto de Nadal tan fermoso, de xeito moi especial a Bieito Blanco, a Cris (Profesora de pandeireta) e ós integrantes da charanga BCB, e como non, tamén agradecer a presenza do fantástico público que ateigou a igrexa parroquial de Zarracós.

Aquí deixamos os vídeos de todas as actuacións para que poidades revivir este gran concerto:

 

Pulsa aquí para ver a galería fotográfica do V Concerto De Fin de Ano Zarracós 2018

03 de Xaneiro do 2019




Destacamos