Unha costume popular ben fermosa que endexamais debería perderse
Dende tempos inmemoriais era unha tradición ben arraigada nestas terras saír a cantar os Reis polas casas das nosas aldeas. A noite do día cinco de xaneiro, grupos de mozas e de mozos, ben armados con pandeiretas, cunchas, latas, botellas de anís ou calquera outro instrumento improvisado, percorrían cada recuncho dos nosos pobos interpretando estas cancións da literatura popular que se foron transmitindo oralmente ó longo de séculos. A cambio do seu cantar, a mocidade pedía o aguinaldo que xeralmente era en especie (viño, chourizos, touciño, doces, lambetadas, etc.) e que despois consumían todos xuntos facendo unha festa ou foliada.
Co despoboamento e envellecemento do rural, esta fermosa tradición popular foi caendo no esquecemento en moitos lugares da nosa xeografía, pero por sorte na zona da Broa isto aínda non ocorreu. Así a pasada fin de semana tanto as alumnas e alumnos do curso de Pandeireta e Canto Tradicional, como os cativos e cativas do lugar saíron cantar os Reis polos pobos, tal e como sempre se fixo, enchendo de alegría cada recuncho.
Aproveitando a ocasión, queremos deixarvos aquí unha breve reflexión. Son moitos os agasallos “materiais” que se lle poden facer os cativos nestas datas, agasallos que seguramente nunhas horas quedarán esquecidos nun caixón sen pena nin gloria, por iso un dos regalos máis valiosos que lle podedes facer é o respecto polas tradicións, polas orixes, polo pasado,...
Aquí tendes un par de vídeos desta fermosa tradición das nosas aldeas que non debería caer no esquecemento:
07 de Xaneiro do 2019