O campo da festa de Zarracós quedou oficialmente inaugurado

Cunha tarde-noite chea de deporte, música, comida e humor

O campo da festa de Zarracós quedou oficialmente inaugurado

O pasado sábado, día 4 de maio de 2019, xa forma parte da historia desta nosa parroquia,  pois nese solleiro día do mes de maio tivo lugar a festa de inauguración do campo da festa de Zarracós, na que foi unha xornada chea de deporte, música, comida, humor e sobre todo de convivencia e confraternidade veciñal.

Dende o primeiro instante, dende a asociación de veciños tiñamos claro que alcanzar un fito tan enorme coma este, merecía unha gran celebración e por iso decidimos preparar con todo o noso cariño esta festa.

Así, tal e como ilustran algunhas das fotos expostas no local sociocultural, na nosa parroquia sempre houbo unha enorme afección ó baloncesto  e por iso nesta festa de inauguración non podía faltar o tradicional torneo de baloncesto 3x3 que regresaba á cancha de Zarracós despois de moitos anos sen disputarse.  

A este primeiro torneo da “nova era” acudiron cinco equipos que se disputaron o trofeo enfrontándose todos contra todos nunha pequena liga con encontros de oito minutos. Finalizada a fase regular da mesma o primeiro e o segundo clasificado xogaron un trepidante partido final no que proclamou gañador o equipo “Blanco” e no que resultou segundo clasificado o equipo “Patimancos”. Dende aquí queremos agradecer a participación de todos e cada un dos xogadores, así como, o exemplar xogo limpo demostrado en todos e cada un dos partidos, nos que soamente houbo un protagonista: o baloncesto.

Finalizado o torneo 3x3 chegaría a quenda para o torneo de triples. Así, todos os participantes se dispuxeron a realizar tres tiros dende cada unha das cinco posicións definidas na área, resultando gañador Luismi con, nada máis e nada menos, que 11 puntos. Parabéns.

A iso das sete da tarde, dende Xinzo de Limia, chegaría a Charanga Achicoria para facer bailar a todos os presentes coa súa música. Unha vez rematado o primeiro pase desta agrupación musical viría o momento de dar boa conta dos pinchos que a organización tiña preparados no local sociocultural da parroquia: empanada, pan centeo, xamón, lombo ibérico, chourizo, queixo, viño, refrescos, auga, bica, licor café...

Xa coa barriga ben chea e coa indispensable axuda dos máis pequenos do lugar tocaría realizar o sorteo dos dous lotes de produtos, resultado agraciados: Celsa (Primeiro premio) e Cesáreo (Segundo premio) para a continuación volver gozar co segundo pase da Charanga Achicoria.

O broche final da festa correu da man do gran humorista Xan Veiga, que sen lugar a ningún tipo de dúbida non deixou indiferente a ninguén, arrebatándolle o sorriso a todos os presentes durante hora e pico que durou a súa actuación.

Agora temos unha pista deportiva fantástica e un lugar de ocio aínda mellor, da nosa man queda coidalo e darlle  o máximo proveito, por que no rural aínda queda moita vida.

Dende aquí non podemos máis que dar as grazas a todas e cada unha das persoas e institucións que fixestes posible este gran fito e esta festa: veciñas e veciños da parroquia, participantes do torneo de baloncesto, Concello da Merca, Deputación Provincial de Ourense, Charanga Achicoria,  Xan Veiga, Pungin Sport,...

A continuación deixamos algúns vídeos e unha galería fotográfica do evento, á que en breve esperamos incorporar máis fotografías.

Galería fotográfica Inauguración Campo Da Festa Zarracós

Galería fotográfica Torneo 3x3 inaugural

06 de Maio do 2019




Destacamos