Varias veciñas e veciños da parroquia realizaron esta tarefa de xeito altruísta
Xa non queda nadiña para a festa do San Ceriz e por iso este domingo, día 9 de xuño do 2019, varias veciñas e veciños da parroquia, de xeito totalmente voluntario e altruísta, reuníronse para adecuar e limpar o atrio e as inmediacións da igrexa parroquial.
Pola mañá, ben cedo, este grupo de veciñas e veciños da parroquia reuníase no Campiño da Igrexa armados con todo tipo de ferramenta: motoserras, desbrozadoras, fouces, vasoiras, sachas, cepillos, tesoiras ... e despois de varias horas de intenso traballo o resultado non pode ser máis positivo a tenor das imaxes axuntas a este artigo, pois o entorno loce lustroso e limpo para as vindeiras celebracións.
Parabéns a todas aquelas persoas que arrimaron o seu gran de area para levar a cabo este traballo.
09 de Xuño do 2019