E así foi o XX Xantar Popular do San Ceriz 2019

Preto de cento vinte persoas participaron desta nova edición

E así foi o XX Xantar Popular do San Ceriz 2019

O pasado sábado, día 15 de xuño, tiña lugar a XX Edición do Xantar Popular do San Ceriz. Unha vez máis, esta consolidada celebración parroquial foi o pretexto perfecto para reunir a preto de 120 comensais dispostos a gozar dun tradicional menú á feira.

Así, e tal e como ven sendo costume nos últimos tempos, é moi raro que para esta celebración chova ou faga mal tempo e aínda que o día estivo algo nubrado, as condicións meteorolóxicas foron máis que perfectas para desfrutar do xantar debaixo da carpa destinada a tal efecto. A xornada festiva, daba inicio cos correspondentes actos relixiosos que como ven sendo tradición consisten  nunha pequena procesión polo adro, seguida dunha misa solemne, que este ano si puido oficiar o noso párroco Don Miguel. Con respecto ó templo parroquial, queremos salientar o excepcional e desinteresado traballo realizado polas mulleres do pobo, que sempre están dispostas a doar flores e a levar un inmenso traballo para que a nosa igrexa luza sempre nas mellores condicións posibles.

Unha vez finalizados os oficios relixiosos, todos aqueles que se apuntaron para comer, previo pago dos 24 euros por comensal, dirixíronse ata o renovado campo da festa da parroquia de Zarracós para dar boa conta dun completo menú composto por: empanada, polbo, carne ó caldeiro con cachelos, bica, café, auga, viño branco e tinto, pan de cea e licores da terra,... e como se soe dicir, todo ilo “a fartar”. Ó remate, como calquera festa que se preste na nosa parroquia, non podía faltar o toque musical da sobremesa, que este ano correu a cargo do gran Bieito Blanco (co seu acordeón) ó que se uniron ás voces das veciñas e veciños máis festeiros que non dubidaron en entoar as cancións máis tradicionais do repertorio popular.  Dende aquí queremos expresarlle o noso máis profundo  agradecemento por facer gala de tan bo humor e deleitarnos co seu bo facer de xeito totalmente altruísta.

Despois de troulear un pouco, debería tocar xogar o Torneo de Chave do San Ceriz, pero este ano dende a asociación de veciños optouse por non organizalo, debido á baixa participación dos últimos anos, unhas veces por mor do intenso calor e outras por funerais ou cabo de anos coincidentes na tarde do sábado. Sen embargo, moitos dos asistentes optaron por xogar unha partidiña ás cartas no local social.

Sen lugar a ningunha dúbida un completo día, que permitiu reunir a todos os veciños en torno a unha mesa, non só para degustar unha boa comida, senón para polo menos reunirse unha vez ó ano en irmandade e gozar da boa compaña e da festa!!!

Dende a Asociación de Veciños queremos dar as grazas a todos aqueles que participastes nesta festa, esperando que fose do agrado de todos!

Pulsa aquí para ver a galería fotográfica do San Ceriz 2019

17 de Xuño do 2019




Destacamos