O II Serán de Zarracós congregou a numeroso público a pesares da intensa calor

O pasado sábado 29 de xuño a música tradicional e o teatro puxeron a nota festiva

O II Serán de Zarracós congregou a numeroso público a pesares da intensa calor
O II Serán de Zarracós congregou a numeroso público a pesares da intensa calor

Se na pasada edición a choiva, o frío e o partido da selección Española non puideron co público, desta volta foi a intensa calor a que non foi capaz de impedir que moitos veciños e veciñas da nosa parroquia e dos lugares limítrofes se achegasen ata o campo da festa para gozar do II Serán de Zarracós.

Un pouco máis tarde do previsto inicialmente, a iso das sete e media da tarde, daba comezo a actuación de fin de curso das  alumnas e alumnos do grupo de pandeireta e canto tradicional de Zarracós, que nesta ocasión trouxeron ó improvisado escenario creado diante do local sociocultural un espectáculo totalmente distinto ó do ano anterior, no que combinaron música e teatro. Dividido en cinco escenas ben diferenciadas: a sega, o fiadeiro, a vendima, a taberna e as festas patronais, estes foron interpretando cada un dos distintos actos do espectáculo que pretendía reflexar en boa medida a vida cotiá das nosas aldeas en tempos non tan distantes, onde a xente se reunía para realizar as múltiples labores agrícolas ó par que cando descansaban un pouquiño para merendar ou para asistir ás festas patronais lle entoaban unhas canterías tradicionais.

Unha vez rematada a actuación “oficial”, a esmorga trasladaríase ó interior local sociocultural,  onde o público asistente puido dar boa conta duns pinchos, para seguidamente dar paso a unha nova festa guiada pola improvisación dos asistentes. A guinda final a esta celebración poríana Os amigos do acordeón Terras de Celanova que deleitaron ó respectable co seu excepcional bo facer, inundando de música o lugar nunha troula que se prolongou ata ben entrada a noite.  

Dende a asociación de veciños e en nome da parroquia de Zarracós non podemos máis que agradecerlle Os amigos do acordeón Terras de Celanova a súa asistencia ó noso segundo serán, grazas de corazón. Así mesmo, tamén queremos agradecer a Cristina, a profesora de pandeireta e alma mater, a súa entrega, paixón, compromiso, dedicación, profesionalidade e trato dende o primeiro intre.

Agardamos que este humilde evento fose do agrado de todos aqueles que vos animastes a achegarvos ata o campo da festa de Zarracós, e ogallá que nunca falte o bo humor e as ganas de festa nos nosos pobos.

A continuación deixámosvos uns cantos vídeos do evento e o enlace a unha galería fotográfica composta por máis de 115 imaxes:

Pulsa para ver a galería fotográfica do II Serán de Zarracós

01 de Xullo do 2019




Destacamos