Celebrada os pasados días 2,3,4 e 5 de agosto do 2019
Os pasados días 2, 3, 4 e 5 de agosto do 2019 tiñan lugar as festas populares da parroquia de Zarracós na honra á Virxe das Neves e van xa 27 anos consecutivos de troula, que se din pronto.
A meteoroloxía portouse ben este ano e acompañounos durante toda a fin de semana, ofrecendo unhas temperaturas moi agradables que permitiron gozar dos festexos en toda a súa plenitude.
Así, o venres día 2 de agosto, daba inicio a programación oficial cos tradicionais xogos infantís, que un ano máis fixeron as delicias dos máis pequenos da parroquia e dos pobos da contorna, ata trinta cativos se animaron a participar e abofé que se divertiron ó enfrontarse ás diversas probas e xogos: cadea de globos de auga, batalla de globos atados ó pe, xincana con probas e obstáculos, as cadeiras... para finalmente ver recompensado o seu esforzo cunha gran choiva de lambetadas.
Unha vez rematados os xogos infantís tocou facer un pequeno descanso e ir cear para posteriormente escoitar con tranquilidade ó gran Grupo de Acordeóns Bieito Blanco, que este ano, como novidade, realizou a súa actuación nun único pase de hora media de duración. Así, foi numeroso o público que se achegou ata o campo da festa para gozar do bo facer destes grandísimos músicos que paseniñamente foron interpretando o seu renovado, amplo e variado repertorio, recibindo sempre o agarimoso aplauso do respectable. Como broche de ouro, o gran tenor Baldomero Pavón (membro do grupo) tamén se animou a cantar uns temas acompañado polo mestre Bieito Blanco ó acordeón, que a súa vez tamén se animou a interpretar un par de temas a dúo coa súa alumna máis avantaxada: Lucía Meijón.
Antes de continuar fiando palabras neste artigo queremos expresar o noso especial agradecemento ós compoñentes do Grupo de Acordeóns Bieito Blanco e a Bieito Blanco pola súa implicación con estas festas e por cedernos de xeito altruísta o seu equipo de son durante tres días. Mil grazas!!!!
Así, finalizado o concerto de acordeóns, sería a oportunidade dos cantantes noveis da parroquia e da contorna que se atreveron a cantar no tradicional karaoke, que ano tras ano vai subindo de nivel (ou non, depende ;D).
O día 3 pola maña, sería a charanga BCB (de Celanova) a encargada de por o toque musical polas rúas da parroquia, así como, de acompañar a procesión ó redor da igrexa, cantar á misa e amenizar a sesión vermú no campo da festa, e sen lugar a ningunha dúbida que por sexto ano consecutivo non defraudaron a ninguén, converténdose xa en indiscutibles das nosas festas: trouleiros, animados, cantareiros e sobre todo grandes profesionais e traballadores.
Despois de repousar un pouco o xantar e de durmir unha pequena sesta, debería ser o momento de disputar o tradicional partido de fútbol 7 entre as parroquias de Corvillón e Zarracós, pero este ano decidiuse trocar por un partido de fútbol sala na nova cancha do campo da festa, sobre todo debido ás malas condicións que presentaba o campo de fútbol polas falcatruadas do xabaril, e abofé que este encontro non deixou indiferente a ninguén, pois rematou cun axustado marcador de 5-4 a favor do conxunto local (a primeira vez que gaña Zarracós dende o torneo inaugural do campo de fútbol, e xa van uns cantos aniños). Este ano, xogaron un papel fundamental os máis xoves de ambas parroquias, o que nos alegra enormemente, pois supón que a tradición ten continuidade nas novas xeracións.
Pola noite, a iso das 22.45 horas sería a quenda da ORQUESTRA FIN DE SIGLO (de Ourense), unha agrupación cunha montaxe máis ben humilde, pero que nunha noite con temperaturas máis que agradables soupo ofrecer un repertorio cheo de música de baile en directo facendo mover os pes de todos aqueles que se achegaron ata o campo da festa.
Despois de trasnoitar o sábado, o domingo tocaba madrugar de novo para percorrer os distintos pobos da parroquia coa charanga CASTRO BELLO (de Maside), unha agrupación musical que xa ten estado nas nosas festas en anteriores edicións e que novamente foi a encargada de acompañar a procesión ó arredor da igrexa, tocar a misa e botarlle unhas pezas na sesión vermú.
Polo serán, tería de novo lugar o xa máis que tradicional Torneo de Chave, que este ano contou con 25 xogadores (Unha participación similar á do ano pasado, pero moi inferior a doutros anos) e no que se proclamou gañador David de Pereira de Montes, iso si, despois de disputar unha trepidante ronda de desempate con Miguel Calvo, Jose Varela e Rubén Samperio.
Unha vez rematado o torneo de chave, a iso das 21.30 horas, tocaba gozar coa actuación da ORQUESTRA RITMO NOCHE (de Vigo), que coa súa vistosa montaxe e co seu bo facer deleitou ós presentes no campo da festa cun primeiro pase do máis bailable para no segundo dedicarse máis á rapazada. Así, unha vez rematada a actuación desta gran formación viguesa, os músicos do pobo (pandereteiras, gaiteiros, caixeiro, acordeonistas, bombeiro,...) puñan o broche final ás festas deste ano amenizando a queimada popular de fin de festa.
Referente ó sorteo, os 100€ foron parar ó peto de José Antonio de Forxás dos Montes, mentres que os 200 € foron parar ó peto de Maricarmen Fernández Taín, pode parecer “estraño” que os premios recaian unha vez máis neles, pero son da xente que máis colabora mercando papeletas, polo que é normal. Así, o premio de consolación composto por dous queixos foi para Carlos Currás. Parabéns a todos eles e como non grazas pola súa excepcional colaboración.
O campionato de Tute disputouse o día 1 de agosto por eliminatorias, contando coa participación de 10 parellas. Jorge e Rober proclamáronse gañadores tras impoñerse na final ós segundos clasificados, Tere e Vilanova. Este ano a organización decidiu ofrecer unha cea ós participantes composta por: queixo, lacón asado, empanada e pan.
A principal novidade da festa deste ano, produciuse o día 5 de agosto, e non foi outra que a recuperación dunha tradición que levaba perdida máis de 30 anos, a procesión ó Campo. Durante a xornada previa, varias persoas engalanaron a praza central do pobo de Zarracós cun arco de flores e cun telón de fondo composto por colchas tecidas a man, tal e como se facía antigamente e xa no propio día da festividade a Virxe das Neves e o San Ceriz regresaron en procesión ó Campo, acompañados por numerosos veciños e veciñas e pola música dos gaiteiros do pobo.
Dende a Asociación de Veciños queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a todas e cada unha das persoas que fixeron posible que as festas de Zarracós se levasen a cabo un ano máis: a Bieito Blanco e ós membros do grupo de acordeóns, a toda a xente que nos mercou rifas tanto para o sorteo do Nadal como para o da festa, a todos os que colaboraron para realizar os xogos infantís, a todos os socios, a toda a xente que nos axudou a vender rifas, a todos aqueles que participaron nos torneos, a todos os veciños que nos axudaron a por as bandeiras, a Construcións Nóvoa por axudar a por e quitar a canastra, a todas aquelas persoas que nos aportaron diñeiro a maiores, ós veciños que botando man do seus instrumentos e das súas voces se prestaron a animar a queimada de fin de festa... grazas a todos e cada un de vos as festas da parroquia de Zarracós resisten un ano máis e son un exemplo de paz, harmonía e diversión.
Aquí tendes máis de 60 vídeos da festa en calidade HD que reflexan todo o que nela aconteceu.
Pulsa para ver a galería fotográfica da Festa das Neves 2019
13 de Agosto do 2019