45 rapazas e rapaces animáronse a participar na primeira xornada das olimpíadas rurais 2019
A Olimpíada Rural Da Broa xa se converteu no evento estrela do verán na nosa zona, non en van xa estamos na terceira edición deste evento deportivo que deu inicio en Zarracós o pasado mércores, día 7 de agosto, pero que nos vindeiros días tamén percorrerá as parroquias de Entrambosríos, Corvillón e Olás con outras modalidades deportivas.
A tarde presentábase realmente outonal para atoparnos en pleno mes de agosto, durante toda a xornada choveu intensamente, o que fixo dubidar á organización se celebrar ou non o evento deportivo, pero finalmente, durante a tarde escampou unhas horas e permitiu levar a cabo esta nova edición da olimpíada rural en Zarracós.
Así, ata o campo da festa achegáronse corenta e cinco intrépidas e intrépidos rapaces e rapazas que non lle tiveron medo a chuvia e que puideron entreterse con xogos populares doutros tempos, nos tocaba agudizar o enxeño sen tanta tecnoloxía ó alcance, como ben saben os nosos pais e avós que fixeron de mestres de cerimonia, en moitos dos xogos. Durante preto de dúas horas e divididos en grupos máis ou menos compensados segundo idades, puxeron a proba a súa destreza xogando coa chave, a ra, os aros, a rodela, os zancos, a ponte, as chancas, ... sempre guiados por un monitor que tamén se encargaba de contabilizar os puntos, e aínda que houbo que parar de xogar un pouco antes do previsto, pola chuvia, case todos puideron gozar dos oito xogos tradicionais que había ó seu dispor.
Unha vez rematada a tarde de xogos a rapazada que se animou a participar daba boa conta da merenda que a organización tiña preparada no local sociocultural: hamburguesas de cores, pizzas, perritos, sandwiches, auga e refrescos baixos en azucre.
Dado que houbo que suspender antes de tempo a actividade, decidiuse non ter en conta a puntuación acadada por cada equipo e premiar por igual a todos os participantes, que recibiron a súa medalla acreditativa e o seu correspondente cucurucho de lambetadas.
Resumindo, unha vez máis, unha fermosa xornada deportiva e festiva que permitiu a rapaces e maiores da nosa zona gozar dunha tarde entre xeracións fedellando cos distintos xogos populares.
Dende a organización agardamos que esta primeira xornada das olimpíadas fose do agrado de todos e tamén queremos animarvos a que levedes ós vosos nenos a participar nas tres xornadas restantes en Entrambosríos, Corvillón e Pazos. Aproveitando a ocasión queremos agradecer o traballo altruísta realizado polos monitores.
A continuación podedes atopar uns vídeos deste evento e tamén na nosa sección Últimas galerías podedes atopar un álbum con máis de 140 fotografías.
13 de Agosto do 2019