Corenta e catro cativos acudiron a esta nova cita para xogar ó baloncesto e ós xogos tradicionais
O pasado xoves, día 15 de agosto do 2019, tiña lugar a segunda xornada da Olimpíada Rural da Broa 2019, na que resultou ser unha tarde ben agradable e solleira para a práctica deportiva, todo o contrario do que acontecera na primeira xornada en Zarracós.
Nesta nova data das olimpíadas, a organización tiña preparadas dúas modalidades deportivas ben diferenciadas, por unha banda un deporte de equipo como é o baloncesto e pola outra xogos variados de toda a vida. Así, primeiramente as rapazas e rapaces participantes, divididos en equipos mixtos segundo a súa idade, disputaron diversos partidos de baloncesto, nos que os máis pequechos xogaron con balóns máis reducidos e en canastras adaptadas a súa estatura.
Unha vez rematado o baloncesto, chegaba o tempo de practicar cos xogos variados, así a rapazada tivo que demostrar a súa destreza e axilidade enfrontándose a xogos ben coñecidos como: a carretilla, carreiras de sacos, carreiras cos pes atados, carreira da culler e ovo, ... ata os maiores se atreveron con algún destes xogos nun día realmente lúdico e interxeracional.
Para rematar a xornada, todos eles recibiron as medallas que os acreditaban como participantes na olimpíada e deron boa conta dunha suculenta merenda: hamburguesas de cores, perritos, pizza, sándwiches de nocilla, refrescos baixos en azucre...
Dende a organización agardamos que as dúas primeiras xornadas fosen do agrado de todos aqueles que se animaron a participar ou a asistir como público, e como non, convidarvos a que continuedes participando nas xornadas restantes.
19 de Agosto do 2019