Preto de trinta rapazas e rapaces da zona foron partícipes desta nova xornada deportiva
O campo da festa da parroquia de Corvillón acolleu o pasado sábado, día 17 de agosto, a terceira xornada da Olimpíada Rural da Broa 2019, noutra tarde que tamén estivo bastante calorosa ó igual que acontecera na previa en Entrambosríos.
A tarde deportiva daba comezo cunha pequena andaina dun quilómetro e pouco arredor do pobo de Corvillón, tendo como inicio e final da ruta o campo da festa da parroquia. Seguidamente, os participantes, divididos en equipos segundo a súa idade xogaron ó voleibol e a un xogo que foi ben popular nos patios das escolas pero que foi perdendo popularidade co paso dos anos, o brilé.
Para finalizar, tal e como ven sendo costume, a xornada remataba coa correspondente entrega de medallas e cos participantes dando boa conta dunha suculenta merenda: hamburguesas de cores, perritos, pizza, sándwiches de nocilla, refrescos baixos en azucre...
Dende a organización agardamos que as tres xornadas realizadas ata o momento fosen do agrado de todos aqueles que se animaron a participar ou a asistir como público, e como non, convidarvos a que continuedes participando na derradeira xornada que terá lugar no campo de xogos de Pazos de Olás o vindeiro día 24 de agosto.
20 de Agosto do 2019