A celebración tivo lugar o pasado sábado día 17 de agosto do 2019
O grupo de pandeireta de Zarracós foi convidado pola directiva da Asociación de Veciños San Pedro de Olás para participar na celebración do XXV aniversario deste organismo veciñal.
Tal conmemoración tivo lugar o pasado sábado, día 17 de agosto do 2019, na eira de Vilariño. Así, o festexo daba comezo, a iso das nove da noite, coa celebración da novena na honra ó San Pedro na capela de Vilariño para logo trasladarse a eira anexa á mesma, onde as alumnas e alumnos de pandeireta e canto de Zarracós interpretaron o seu espectáculo “Bailache Carolina” no que combinaron a música de raíz coa representación teatral de escenas cotiás do mundo rural de non hai tantos anos: a sega, a vendima, o fiadeiro, os cantos de taberna, as festas patronais, a sesión vermú...
Unha vez finalizada a actuación chegou o momento para que todos os presentes no lugar desen boa conta dos pinchos que a organización tiña preparados: xamón, queixo, lacón, viño branco e tinto...
Dende a Asociación de Veciños San Andrés de Zarracós queremos agradecer ós nosos veciños da parroquia de Olás o convite, así como, o bo trato ofrecido a todos os que ata alí nos achegamos.
20 de Agosto do 2019