O campo de xogos de Pazos de Olás acolleu a derradeira xornada da Olimpíada Rural da Broa 2019

Novamente unha trintena de cativos se animaron a participar desta xornada deportiva

O campo de xogos de Pazos de Olás acolleu a derradeira xornada da Olimpíada Rural da Broa 2019
O campo de xogos de Pazos de Olás acolleu a derradeira xornada da Olimpíada Rural da Broa 2019

O pasado sábado, día 24 de agosto, o campo de xogos de Pazos de Olás foi o encargado de acoller a última xornada da Olimpíada Rural da Broa 2019. Ata o lugar achegáronse uns corenta cativos, dos que soamente se animaron a xogar trinta.

Esta derradeira edición da olimpíada deste ano daba comezo cunha carreira de 400 metros na que había dispostos quince obstáculos ben diferenciados e bastante orixinais: salto de balados, atravesar o pau, escalar a meda de herba, cruzar o palleiro, salto de rodas de tractor, ... en definitiva, un circuíto que fixo as delicias dos participantes que tiveron que por a proba a súa forma física e as súas habilidades.

Despois dun breve receso para repor forzas e hidratarse un pouco chegaría o momento do ansiado fútbol lameiro, así os rapaces e rapazas divididos en dúas categorías segundo a súa idade foron disputando varios partidos ata determinar o equipo vencedor de cada categoría.

Para finalizar, tal e como ven sendo costume, a xornada chegaba ó seu fin coa pertinente entrega de medallas e cos participantes dando boa conta dunha suculenta merenda: hamburguesas de cores, perritos, pizza, sándwiches de nocilla, refrescos baixos en azucre...

Dende a organización agardamos que a III Olimpíadas Rural da Broa fose do agrado de todos aqueles que vos animastes a participar ou a asistir como público. Despedimos ata o 2020.

26 de Agosto do 2019




Destacamos