A tradicional celebración tivo lugar o pasado sábado, día 9 de novembro do 2019
O pasado sábado, día 9 de novembro, tiña lugar a XXVI edición do tradicional magosto da parroquia de Zarracós, unha das celebracións mais arraigadas e con máis sabor popular da nosa parroquia e da provincia.
Este ano a choiva e o frío fixéronse notar dende primeiras horas da mañá e ó igual que o ano pasado houbo que cubrir o soportal do local social cun plástico, para así aproveitar o espazo ó máximo e dar acubillo a todos os participantes que se animaron a asistir a esta festa gastronómica. Pois ben, baixo estas intempestivas condicións meteorolóxicas a iso das nove e media da mañá un grupo de voluntarios provistos de varias motoserras, machadas e un par de tractores dispuxéronse a ir buscar leña ó piñeiral, ó mesmo tempo, outro grupo de voluntarios carrexaba un par de tractores de leña de castiñeiro e xa na semana previa outro grupo de voluntarios e voluntarias carrexaran un piñeiro seco do monte comunal. Así, con case que cinco tractores de leña, a gran fogueira quedaría acesa a iso das once da mañá para xa non apagarse ata ben entrada a noite.
Unha vez acendido o lume daría inicio unha nova edición do magosto, que tal e como ven sendo de costume nos últimos anos, volvería contar coa excepcional participación de 125 veciños e veciñas, consolidando así unha liña constante de asistencia que nos enche de orgullo e nos da forza para continuar ó ver que nas pequenas parroquias do rural ourensán aínda queda moita vida, soamente se necesitan gañas de pasalo ben e de unirse en irmandade veciñal. A continuación, varias voluntarias e voluntarios irían preparando a comida: cortando as empanadas, os lacóns, o pan e as bicas, repartindo a bebida e os utensilios para comer.... e outros irían asando os chourizos e as castañas, que novamente volveron a ser as estrelas indiscutibles da celebración, sobre todo debido a súa escaseza no presente outono.
Este ano, moi o contrario do que aconteceu en anos anteriores, a sobremesa estivo realmente animada grazas o gran mestre do acordeón: Bieito Blanco, que incentivou o espírito máis festeiro dos presentes que non dubidaron en entoar as cancións máis tradicionais do cancioneiro popular. Mentres, outros aproveitaron para xogarlle unha partidiña de cartas ou manter animadas conversas e así facer tempo para a cear a gran cantidade de comida que sobrou do mediodía.
Antes de rematar estes parágrafos, queremos aproveitar a ocasión que nos brinda esta páxina web para expresar o noso agradecemento a todas as persoas que colaboraron activamente na consecución desta festa, pois sen eles, xamais houbese sido posible.
Pulsa aquí para ver a galería fotográfica do Magosto Zarracós 2019
11 de Novembro do 2019