A celebración tivo lugar o pasado sábado 30 de novembro do 2019
O Xantar Popular do San Andrés, que este ano acadou a súa terceira edición, comeza a consolidarse como unha das festas máis representativas da nosa parroquia, non en van, a el acudiron máis de sesenta veciñas e veciños.
As celebracións na honra ó patrón da parroquia, tal e como ven sendo costume, daban comezo cos correspondentes actos relixiosos a iso das 12.30 da mañá. Seguidamente, todas aquelas persoas que así o desexaron dirixíronse cara o local sociocultural da parroquia, para a iso das dúas da tarde, pasar ó seu interior e ocupar as mesas e bancos dispostos para tal ocasión.
Unha vez ben sentados, chegaría o momento de dar boa conta dun completo e abundante menú, composto por: empanada de carne, tortilla, callos á fartura, bica, pan centeo, viño novo, refrescos, café, licores.... e aínda que a sobremesa deste ano non estivo especialmente animada no que se refire a canterías, si que o estivo para xogarlle unhas boas partidas á brisca, polo que a xornada festiva se prolongou durante toda a tarde e ata ben entrada a noite, onde aquelas e aqueles intrépidos que resistiron, puideron cear toda a comida sobrante do xantar, que este ano volveu a ser bastante.
Dende a asociación de veciños agardamos que o xantar fose do agrado da maioría dos presentes, pola nosa parte a satisfacción é plena ó comprobar que a comida foi abundante e que esta nova celebración serviu, novamente, para reunir en harmonía e confraternidade ós veciños da parroquia. Tamén queremos agradecer o gran traballo realizado por todas aquelas persoas que se animaron a axudar e a servir a comida de xeito totalmente desinteresado e altruísta.
Pulsa aquí para ver a galería fotográfica do Xantar do San Andrés 2019
02 de Decembro do 2019