Grazas a todas as veciñas e veciños pola extraordinaria colaboración e sensibilidade ofrecidas
A parroquia de Zarracós volveu amosar a súa cara máis solidaria neste 2019, entregando ó Banco de Alimentos de Ourense a extraordinaria cifra de 312 quilos de alimentos. Unha vez máis a resposta das veciñas e veciños da parroquia non se fixo agardar e a implicación coa campaña "Ante a adversidade, solidariedade" (promovida por esta asociación de veciños) foi máxima dende o primeiro intre, amosando unha enorme sensibilidade coa problemática da desnutrición entre os máis desfavorecidos e sendo capaces de xuntar entre todos unha cantidade de comida tan excepcional, sobre todo tendo en conta o reducido tamaño da nosa parroquia.
Dende aquí non podemos máis que sentirnos orgullos de formar parte desta gran parroquia, e como non, expresar a nosa profunda gratitude a todas aquelas persoas que se animaron a achegar o seu gran de area. Tamén, non queremos deixar pasar a ocasión sen agradecer a extraordinaria labor social que realizan de xeito totalmente altruísta os centos de voluntarios que todos os días colaboran con distintas ONGs, coma neste caso, o Bancos de Alimentos de Ourense.
Non temos un reconto exacto dos alimentos entregados pero si podemos darvos algúns datos: máis de 60 litros de leite, máis de 35 litros de aceite, 6 botes de leite en pó, máis de 20 botes de cacao en pó, máis de 35 paquetes de galletas, potitos, cereais, legumes, conservas,pasta, turrón,....
18 de Decembro do 2019